A Xunta dá permiso para construír un parque eólico en Aranga na zona tampón da Reserva

A ponte medieval sobre o Mandeo dá nome á capital municipal de Aranga

Once aeroxeneradores e unha subestación transformadora alterarán o aspecto na zona do Cordal de Montouto-Pando, a cabalo entre Aranga e Guitiriz. Unha filial de Fenosa pretende producir alí 33 megavatios cun proxecto cun valor estimado de 30 millóns de euros que xa conta co visto bo da Xunta.

O goberno galego autoriza o proxecto tras avaliar o impacto ambiental do parque eólico, que se construirá na zona tampón da Reserva da Biosfera. Supedita o permiso a que os promotores adopten medidas de redución do impacto na fauna,p singularmente sobre especies ameazadas existentes na zona, como a tartaña cincenta (cyrcus pygargus) ou a gatafornela ou tartaña azulada (circus cyaneus) dúas especies de aves de presa que aniñan no entorno. A Xunta exixe a Fenosa inspeccionar se hai nidificacións e, de ser o caso, esteblecer un perímetro de seguridade de 500 metros en torno aos niños, antes de efectuar os traballos de roza. Obriga, asemade, a introducir melloras no seguemento dos posibles impactos por colisión de aves contra as palas dos aeroxeneradores, unha das principais causas de morte de grandes aves no noso país.

A Xunta sostén que a zona escollida non ten ningunha figura autonómica ou estatal de protección de espazos naturais malia afectar a un hábitat prioritario e que estea situada na denominada zona tampón da reserva da biosfera. Ademais do patrimonio natural, tamén deberán respectarse varios elementos con valor arqueolóxico, obxecto de protección e control arqueolóxico durante e despois das obras.

Advertisements