Unha parte dos alcaldes do Consorcio reclaman unha xuntanza á Xunta sobre transporte

Un autobús por diante do parque Pablo Iglesias

Seis alcaldes de municipios integrados no Consorcio das Mariñas e mais o da Coruña, asinantes da chamada “Declaración de María Pita” que quixo ser punto de arranque da creación da área metropolitana da Coruña, mantiveron onte unha xuntanza para demandar á Xunta unha cita para abordar o transporte metropolitano. Á xuntanza acudiron os alcaldes de En Marea da Coruña e Sada, os do PSOE de Culleredo, Betanzos e Bergondo e o independente de Cambre. Faltaron os primeiros edís de Carral, Abegondo e Arteixo, do PP.

Da xuntanza mantida no consistorio coruñés saíu unha solicitude de entrevista co presidente da Xunta para abordar o redeseño do transporte metropolitano. Os rexedores exhortan á Xunta a manter unha colaboración institucional cuanto antes para “superar o modelo lineal que actualmente teñen as concesións de transporte que nos afectan”. O alcalde da Coruña, mentres, mantén a súa resistencia a que os autobuses procedentes dos outros concellos cheguen ao centro da cidade.

Nun comunicado, o PP explica que os seus alcaldes non acudiron por considerar que “a comisión de transporte da Xunta é o foro adecuado para falar sobre o transporte metropolitano”. O PP critica que o alcalde coruñés “actúe como o máximo responsable” da área metropolitana cando non logrou sequera a aprobación da constitución de ente no pleno herculino.

No entanto, o gran esquecido nesta lea segue sendo o tren. O Parlamento de Galicia aprobou onte unha proposición non de lei do PP galego enmendada polo PSOE para pedir ao goberno central “unha planificación estratéxica” para mellorar a liña ferroviaria A Coruña-Ferrol. Todos os grupos da oposición presentaron enmendas ao entender que a proposición popular non esixía ao Executivo de Mariano Rajoy compromisos concretos, tanto en prazos como en investimentos. Apenas hai nas contas do Estado medio millón de euros para un “estudo” para buscar unha solución ao bypass de Betanzos.

Advertisements