A Xunta financiará o PXOM de Oza-Cesuras para que acolla máis chan industrial

Ningunha das promesas da fusión anunciada por Feijóo se cumpriron. Lucas (dta) dimitiu e foi condenado por estafa e Cacheiro (esqda) reclama máis premios para seguir sen cumprir as promesas da fusión

O Consello da Xunta aprobou onte un convenio de colaboración co Concello de Oza-Cesuras para impulsar a elaboración dun novo plan xeral. O Concello mantén na súa normativa unha situación anormal, pois ten no extinto Oza dos Ríos un plan xeral de 2011 e no que foi Cesuras unhas normas subsidiarias de 1997. A situación repítese con servizos como a traída- municipal no que era Cesuras, privatizada en Oza- e con taxas e tributos diferentes nos dous antigos municipios máis de tres anos despois de fusionarse.

A Xunta demanda ao Concello , segundo explica nun comunicado de prensa, que  respecte a clasificación actual do solo e a delimitación dos núcleos rurais e urbanos, permitindo ampliar áreas sempre que os parámetros urbanísticos (como usos, parcela mínima, edificabilidade, alturas ou ocupación de terreos) “non sexan máis restrictivos para a construción que os actualmente vigentes”.

O goberno galego  considera “prioritario” que o documento urbanístico “posibilite a implementación de industrias, habilitando para tal fin o chan industrial que resulte preciso”. Algo complicado de trasladar á realidade tendo presente que a modificación do planeamento para crear unha gran superficie industrial en Mondoi para a anunciada e prometida instalación de Coca Cola como premio á fusión segue desocupada e criando toxos. Tampouco o desembarco de ENCE cunha planta de biomasa pasou do papel que avalaba a fusión á realidade por máis que o alcalde e o goberno do PP modificasen a normativa para promover a plantación de eucaliptos no municipio para facilitar a implantación da pasteira. Agora, González Cacheiro quéixase dos incendios que azoutaron o concello na pasada semana.

Advertisements