Denuncian un novo verquido no Mendo á altura da ponte do Carregal

Imaxe do verquido. Fotografía remitida polo BNG

No pleno do pasado martes, o BNG denunciou un novo verquido ao Mendo ao seu paso polo Carregal. O grupo nacionalista, a través do seu concelleiro Henrique del Río, trasladou o testememuño de varias veciñas sobre este verquido, que segundo indicou prolongouse “durante o espazo dunha hora, a media tarde do luns”.

“Durante ese tempo, a auga baixo a ponte mostrou evidencias claras dun verquido, que se suma aos xa producidos nos últimos meses” indican os nacionalistas, que consideran unha “frecuencia excesiva” dos verquidos ao Mandeo e o Mendo” e botan en falta “un maior rigor á hora de investigar os feitos e sancionar a quen contamina”. O portavoz nacionalista descarta que estes últimos verquidos sexan augas pluviais, dado que “só choveu ao día seguinte” [polo martes], polo que parece que as causas son “outras”.

O concelleiro Henrique del Río reclama nese sentido que o goberno local investigue a orixe e as causas do verquido. “Levamos varios episodios de contaminación no río, sen que nos consten medidas sancionadoras”, denunciou o voceiro do BNG. “Non pode ser tan fácil e barato contaminar o noso medio” lamentou. O grupo nacionalista reclama, en definitiva, que “non se deixe correr” esta nova denuncia e pide ao goberno local que demostre unha vontade real de combater a contaminación do medio natural, “que tamén é patrimonio de todas”, apostila Henrique del Río.

Advertisements