O PP acusa a PSOE e En Marea de ir contra o transporte público en Betanzos

Un autobús por diante do parque Pablo Iglesias

O PP acusou a PSOE e En Marea de votar contra unha moción na que defendía modernización do transporte publico e mellorar deste xeito a mobilidade deste servizo en Betanzos e o seu comarca.”Entre as iniciativas que se sometían para a súa aprobación, destacaban as dirixidas á reordenación e modernización do transporte por estrada mediante un Plan de Transporte Metropolitano en áreas urbanas, mellorando deste xeito as infraestructuras viarias, a implantación de novas estacións intermodales, así como, subvencións para peeaes, etc” relatan os conservadores.

Denuncian, porén, que “o PSOE e as mareas (Betanzos Novo, BN, e Betanzos en Común, BeC- o edil electo na lista de CxG que abandonou a formación levando a acta) opuxéronse a que o municipio brigantino colabore coa Xunta de Galicia para levar a cabo esta modernización e mellora do transporte público en Betanzos e comarca”. Aseguran que esta moción- cuxo debate podes escoitar aquí– serviria para mellorar “a prestación deste servizo, e de forma racional, optimizando ademais os recursos e ofrecendo unha maior cobertura na zona, tanto no rural como nas áreas metropolitanas podendo dar así resposta ás necesidades da poboación”.

“Lamentablemente, e unha vez máis o PSOE e as mareas coas que nos últimos meses parece ser que van cada vez mais xuntos e da man, mostraron o seu real interese pola cidadanía de Betanzos, opoñéndose de forma rotunda ao que sería mellorar o transporte publico, non só no entramado urbano, senón tamén na zona rural” denuncian. Fronte á negativa do alcalde da Coruna, Xulio Ferreiro, de En Marea, a que os buses do entorno metropolitano accedan ao centro da Coruña, a moción do PP defendía “a accesibilidade dos autobuses interurbanos nas cidades, como podería ser a da Coruña, mellorando deste xeito a mobilidade dos veciños”. Denuncian que PSOE e En Marea- BN e BeC- posicionáronse en contra desta proposta concreta.

BN e BeC néganse a que o Concello asuma parte do custo do plan de transporte

Os dous grupos que En Marea ten na Corporación, BN e BeC, negáronse a que o Concello asuma unha parte do custo do plan de transporte metropolitano. Na actualidade, o Concello xa fai unha achega económica a este plan. Ambos grupos situaron na petición de colaboración económica o principal problema. “Non somos Coruña ou Vigo” dixo Muíño, exedil de CxG agora en BeC, para soster a súa negativa a que o Concello financie nunha parte o plan de transporte. Pérez, de BN- ao que nun lapsus o alcalde denominou “portavoz socialista” contrubuíndo á denuncia do PP de ir “cada vez mais xuntos e da man”- asegurou coñecer o plan por informacións de prensa e acusou ao PP de non atender no plan as mocións sobre mobilidade aprobadas no pleno de Betanzos.

BNG denuncia a falta de transparencia do plan e o esquecemento do tren

O BNG, que se abstivo na votación porque “non pon ningunha barrabasada que nos leve a votar en contra”, denunciou que non tiñan información sobre o plan e “sería unha irresponsabilidade” votar a favor ou en contra de algo “sen coñecelo”. Indicaron que “hai indicios” para ver por onde vai que non lle gustan, como a supresión de liñas de transporte como a que afecta a Viladesuso, a supresión de frecuencias do tren co aval da Xunta e que non se contemple o tren de proximidades como alternativa á mobilidade na área metropolitana. “A mobilidade non é só ir á Coruña”, advertiu Del Río, botando en falta a articulación de liñas dentro da comarca das Mariñas e mesmo conectando as distintas localidades do concello.

Foto do voceiro, ausente no Pleno

O PP publicou este comunicado de prensa asociándoo a unha imaxe do seu voceiro, José Ángel Rodríguez, no Senado, pretendendo facer ver que a iniciativa fora defendida por el. Porén, a grabación do pleno amosa que foi o edil Javier Rodríguez Martínez quen leu a proposta. De feito, tanto o portavoz do PP na Corporación, Rodríguez Prieto, como o edil Pablo Tomé, que asume boa parte do peso das sesións plenarias e foi o anterior voceiro dos conservadores e recentemente foi laminado na dirección local do partido, estiveron ausentes nesta sesión plenaria.

Advertisements