Oza-Cesuras ultima o xeriátrico privado expropiando para facerlle un camiño de acceso

Unha vista de arquivo do sanatorio, cuxo proxecto de rehabilitación e conversión en xeriátrico público queda definitivamente aparcado

O xeriátrico privado de Porzomillos vai para diante en detrimento da rehabilitación do sanatorio de Cesuras para ter un centro asistencial público, unha máis das promesas da fusión entre Oza e Cesuras alentada polo PP que non será realidade. Silandeiramente, o goberno local do PP ven de publicar no Boletín Oficial da Provincia de onte a relación de bens afectados pola expropiación a fin de construír un vial de acceso ao xeriátrico privado que Lucus Residencial planea no municipio desde hai máis dunha década.

A promoción deste xeriátrico privado conleva a renuncia a rehabilitar o sanatorio de Cesuras, como comprometía o plan de viabilidade da fusión redactado na Deputación, sen sinatura de ningún técnico e atribuído ao “fontaneiro” do PP Álvarez-Campana. A recuperación do edificio proxectado no Paraxón por Rafael González Villar era un dos premios que a Xunta do PP comprometía para impulsar a unión dos dous concellos. Realizada a fusión, o alcalde, Pablo González Cacheiro, excusaba o incumprimento deste compromiso público escudándose en que a cesión da finca polo Estado fora para facer un parque forestal- algo que non chocaría con utilizar o edificio para un servizo público sempre e cando o monte fose, efectivamente un parque forestal. O monte foi talado pola empresa dun edil do PP na Corporación a uns prezos que levantaron suspicacias.

Desde a oposición, PSOE e BNG denunciaron a opacidade do proxecto de construción deste xeriátrico privado, que coñeceron cando o goberno galego abriu a fase de consultas durante a avaliación ambiental. O BNG alegou contra as alturas previstas para este edificio, que se situaría no alto dun monte en Porzomillos. A Xunta outras condicións tras analizar as alegacións que formulou o BNG do municipio, que advertiu que o proxecto non prevé nada respecto a cesións obrigatorias, sistema de tratamento de residuos sanitarios ou sistema de depuración de augas.

Esta última cuestión resulta capital xa que as augas irían parar a un afluente do Mendo, río do que capta auga para o seu abastecemento domiciliario o Concello de Betanzos, con máis de 13 000 persoas surtíndose a diario da auga provinte deste río. Por este motivo, o goberno galego é moi concreto nas esixencias ambientais a Oza-Cesuras para dar o visto bo á recalificación promovida polo executivo local do PP.

Sen embargo, a Xunta eximiu ao proxecto do proceso de avaliación ambiental estratéxica. aínda que supeditou o seu visto bo á elaboración dun estudo de impacto e integración paisaxística.

Advertisements