Xornal gaña un 2% de novos lectores con respecto ao pasado mes de marzo

Mes tras mes e pouco a pouco as cifras van amosando a consolidación do proxecto informativo de Xornal de Betanzos. O mes de abril que ven de rematar pechou cun incremento do 2% con respecto as estatísticas do pasado mes de marzo, grazas ás 4556 visitas únicas rexistradas. Con respecto a abril do pasado 2016, supoñen un incremento do 36%. As cifras deste mes, cunha media diaria de 153 visitas únicas, amosan que pouco a pouco este proxecto informativo se consolida como fonte dixital de información de proximidade para Betanzos e os seus contornos, cumprindo un dos obxectivos fundacionais do proxecto.

A nova máis vista este mes foi a petición de Fiscalía de máis de dous anos de cadea a dous responsables de Betanzos HB por un accidente laboral, con 246 lecturas únicas. A segunda, con 192, foi a relativa ao novo mercado dos sábados en Oza dos Ríos, e a terceira, o ataque do goberno local betanceiro contra  os voluntarios que limparon o Pasatempo e contra quen dubida dos motivos do peche, con 189.

Desde que en xuño de 2009 este proxecto informativo comezou a andar atrevesou dous períodos de inactividade que se reflexan perfectamente na estatística histórica da audiencia. O cambio de dirección, a aposta por ampliar os contidos culturais e deportivos e a introdución de reportaxes sobre temas que non centran estrictamente a actualidade local ten sido ben acollida pola comunidade de lectores que dá sentido día a día á existencia deste portal informativo.

A última innovación polo momento foi o salto ás redes sociais, contando neste intre con 2674 seguidores na nosa páxina na rede social en Facebook e 937 seguidores na rede social Twitter, cun perfil de máis recente creación. En breves estaremos en disposición de anunciar novidades de calado no proxecto, mais polo de agora queremos agradecer o apoio dos nosos lectores e continuar informando do mellor xeito posible.

 

Advertisements