A Deputación financia con case 19 000 euros o persoal da oficina municipa de turismo

A Oficina de Turismo está baixo a escalinata principal do Edificio Arquivo

A área de Turismo da Deputación da Coruña destina 700 000 euros para a contratación de persoal das oficinas de turismo nos concellos de menos de 50 000 habitantes. A resolución do programa, que se fixo pública no BOP deste martes día 2 de maio, contempla 50 concesións de axudas para concellos e agrupacións de concellos da provincia que verán reforzados os seus servizos de atención turística.

“Esta liña de axudas responde ao obxectivo de profesionalización da atención turística para a mellora da calidade da oferta ademais de buscar contribuír á creación de emprego nun sector que é de especial interese para o desenvolvemento económico dos concellos”, sinalou o responsábel da área de Turismo da Deputación da Coruña, o deputado do BNG Xosé Regueira que considera que con este programa de subvencións vai repercutir nunha oferta turística de calidade, en especial, na época de verán con máis afluencia de visitantes.

Nesta segunda convocatoria a incorporación de persoal técnico na área de información turística que, como sinala Xosé Regueira, “na maior parte dos casos non terían capacidade de contratar sen o apoio da Deputación”. Con esta liña de axudas potenciarase a proxección do turismo nos concellos da provincia ademais da creación de novos postos de traballo para persoal con formación específica en materia de turismo. “A liña responde ao obxectivo da área de Turismo de optar por unha oferta de calidade que se afortalará na temporada alta máis que camiña cara un turismo desestacionalizado ao longo de todo o ano”, apunta o deputado do BNG sobre unha liña que valora o esforzo dos pequenos concellos para promover, poñer en valor e difundir o seu territorio e os seus valores de interese turística.

Así, a Betanzos corresponderanlle 18 794 euros, a Miño, 12 991 e a Sada, 20 000 euros. Monfero recibirá 14 896, Pontedeume 12 440 e a agrupación de Sobrado dos Monxes, Vilasantar e Boimorto 12 000. As axudas son para concellos con menos de 50 000 habitantes con oficina de turismo aberta.

Advertisements