As tres prazas de abastos que tivo Betanzos

Plantas e alzados da praza de abastos de González Villar

Nalgún momento de mediados do século XIX, por cuestións hixiénicas e por achegar máis o produto ao centro da cidade, o Concello decidiu trasladar o mercado do peixe de onde se celebraba, no peirao do Paio Formoso e nas actuais rúas da Ribeira e a Marina, para situalo no entorno de Santa María do Azougue. A praza da leña seguía sendo o actual cruce da rúa dos Cabildos- naquela altura inexistente por non derrubarse o mosteiro franciscano- coa Ribeira e a da verdura aínda era a praza de Lanzós e máis a actual rúa de Santiago. E a da carne segue a ter o nome que a recorda, a actual rúa da Cortaduría.

Así, a mediados do século XIX no cruzamento das actuais rúas de Santa María, Azougue, Noás e Pescadería, construíuse un sinxelo mercado de abastos con cuberta a catro augas e lucernario central, columnas de perpiaño labrado e pechamento perimetral de táboas de madeira. Este mercado iría cubrindo as necesidades de Betanzos a pesar de quedar pequeno, como constata a Corporación Municipal na segunda década do século XX. Nesa altura, o Concello decide ampliar a vella praza de abastos duplicando a súa capacidade e encomenda ao arquitecto municipal, Rafael González Villar, un proxecto para o novo mercado municipal.

A primeira praza de abastos de Betanzos

O deseño implicaría derrubar a vivenda contigua ao vello mercado cara a igrexa de Santa María do Azougue e ocupar parte do antigo solar da cátedra de latinidade, onde se abriu a actual praza de Fernán Pérez de Andrade. González Villar, que na altura xa supera a súa fase máis rexionalista, deseña un edificio desprovisto de ornamentación, pero de corte monumental e planta basilical. Así, deseña un  primeiro andar dividido en tres partes e cos postos no medio de cada unha delas. Baixo ela, na planta baixa a disposición é a contraria, un corredor central e as dependencias nos laterais, ao xeito das basílicas romanas.

Para prover de ventilación ao edificio proxecta grandes ventanais nas tres fachadas do inmoble, ademais dun gran  lucernario cenital para dotar o edificio de moita luz natural. O edificio aúna os materiais icónicos do modernismo galego, formigón armado e vidro, e nas fachadas  os elementos decorativos dan paso a cubos xeométricos xogando con distintos volumes. Así, a estética dos paramentos lógrase a través de distintas superficies e xogos de liñas, alonxado do art-decó que impregna outro deseño do mesmo ano, o palco e balaustradas do Cantón Grande.

Vista do mercado de abastos municipal

Malia o deseño novidoso e a funcionalidade do edificio, González Villar non viu nunca construído o seu proxecto. Houbo que agardar aos anos 50 para substituír a vella e decrépita praza de abastos. O actual deseño responde aos trazados de Antonio Tenreiro Rodríguez y Peregrín Estellés Estellés, nun inmoble de dous andares e unha escaleira nun ángulo lateral, con accesos pola rúa que tomou nome da praza e mais pola praza de Santa María do Azougue. Tres grandes ventanais en cada unha das fachadas laterais unen ambas plantas con arcadas que se queren parecer levemente ás das escolas Jesús García Naveira, próximas ao edificio. A porta principal, de doble folla e con viseira de gusto modernista, ubícase no acceso da antiga praza, na rúa da Pescadería.

A nova pescadería foi inaugurada o 1 de outubro de 1951 pero aínda sufriría cambios. O primeiro deles, a substitución da fachada que linda co templo do Azougue, onde se executou unha nova fachada que imita unha casa blasonada. A seguir, no interior, mudando as disposicións, paramentos e os postos. A última grande modificación, que desvirtuou completamente a planta principal, foi nos primeiros 2000, cando o goberno do PSOE, con maioría absoluta, acordou a cesión a un exedil da formación para instalar unha academia, posteriormente subarrendada á extinta Fundación Comarcal. Por máis de 200 000 euros de indemnización o goberno local do PP decidiu en 2009 rescindir o contrato para instalar nas dúas plantas que se meteron neste andar as asociacións sen sede do municipio.

Advertisements