Bergondo inicia a contratación de socorristas para as praias sen agardar as axudas da Xunta

Vista aérea da praia de Gandarío, na que a Xunta desaconsella o baño por contaminación de fecais

O goberno local de Bergondo publicou onte no Boletín Oficial da Provincia as bases para contratar un total de oito socorristas para as praias do municipio durante o vindeiro verán. A particularidade da convocatoria é que o bipartito PSOE-En Marea iniciou a contratación sen agardar a que a Xunta faga pública a súa convocatoria de axudas para que os Concellos contraten este persoal e sen saber se haberá tal subvención sequera.

De feito, o bipartito bergondés remitiu un comunicado no que critica a “importante demora” da Xunta en publicar esta convocatoria, que no pasado 2016 viu a luz no mes de febreiro. PSOE e Anova- a marca bergondesa de En Marea- consideran que esta demora do goberno galego mesmo “poderían facer perigar que o servizo empece ao comezo da tempada de praias”, polo que decidiu iniciar a contratación sen esperar polo goberno galego. Se finalmente hai unha subvención da Xunta, o goberno bergondés abre a porta a incrementar o número de socorristas nos areais.

O goberno local anunciou que proximamente sacará tamén a licitación o servizo de limpeza de praias. Tanto este servizo coma o de socorristas están destinados a uns areais nos que a Xunta desaconsella o baño pola elevada contaminación de fecais no caso de Gandarío e o Regueiro e pola presenza dunha cepa de hepatite nos piares da ponte da autoestrada no caso do areal do Pedrido.

Advertisements