A Deputación négase a pagar o plan de modernización presentado pola transporte da Xunta

Valentín Formoso (PSOE) e Goretti Sanmartín (BNG), presidente e vicepresidenta da Deputación

O Pleno da Deputación da Coruña rexeitou a proposta do Partido Popular de que a a institución provincial contribúa economicamente ao financiamento do plan de modernización do transporte que está a elaborar a Xunta de Galicia, ao considerar que se trata dunha competencia autonómica, na que carece de sentido solicitar a participación económica da institución provincial. A moción presentada polos populares solicitaba a “participación activa” e “implicación orzamentaria da Deputación na modernización do transporte público”, segundo explicou o portavoz desta formación política, Agustín Hernández na defensa do texto, que contou co voto en contra do PSOE, o BNG, Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños.

O goberno provincial defende a creación dun marco de diálogo Xunta-Deputación que estableza as liñas estratéxicas dun Plan de transporte público intermodal, especificamente para os espazos metropolitanos, e a constitución de mesas de traballo a nivel técnico, político e económico para abordar o asunto, pero considera que o seu financiamento corresponde á administración autonómica, que é a que ten as competencias en materia de transporte.
Así o explicou no pleno o portavoz do PSdeG-PSOE, Julio Sacristán, que lembrou que o problema do transporte na comarca coruñesa data de hai case catro décadas e criticou que a proposta do PP “sexa igual para todos, porque non é igual unha área metropolitana que os concellos do rural”.

Sacristán lembrou tamén que os concellos cofinancian xa o transporte nos seus municipios e “a pesar de estar poñendo cartos para unha competencia que non é nosa, o certo é que temos menos liñas e menos frecuencias”, apuntou o portavoz do PSOE, que considerou “bananero” que en lugares de confluencia de varios concellos como A Zapateira algúns veciños non podan usar o transporte en función de se viven nunha marxe da estrada ou na outra.
“A pesar da súa grandilocuente definición, o plan refírese exclusivamente ao transporte de viaxeiros por estrada, e non ao transporte público en xeral porque non contempla a intermodalidade”, sostivo o voceiro socialista, que apelou á “necesidade de consenso” nun tema “crucial para Galicia e para a provincia da Coruña, debido á importante dispersión poboacional” do territorio.

O portavoz do BNG, Xosé Regueira, tamén criticou que a Xunta pretenda que a Deputación financie o Plan de modernización do transporte. “Paréceme que recolle un pouco a idea de Trump: imos construír un muro con México e vaino pagar México”, ironizou o voceiro nacionalista, que lembrou ademais que a Deputación da Coruña “xa está poñendo moitos fondos en cuestións que son competencia da Xunta” e apelou tamén á necesidade de consenso para solucionar un problema que “fai que viaxar dende a costa bergatiñá á Coruña ou a Santiago de Compostela sexa unha odisea”.

Advertisements