O BNG reclama no pleno que Oza-Cesuras non abandone o xeriátrico público do Sanatorio

Unha vista de arquivo do sanatorio, ubicado no lugar do Paraxón

O BNG reclamará no Pleno un xeriátrico público, despois de que o pasado 27 de maio o goberno local dera comezo ao trámite de audiencia das persoas expropiadas para os accesos ao xeriatrico privado que pretenden construír en terreo rústico en Porzomillos. Na súa moción de urxencia para o Pleno do vindeiro venres demandarán tamén toda a información relativa á construción do xeriátrico privado e que se revogue a delegación das potestades urbanísticas para que correspondan de novo ao Pleno.

“No ano 2015 o goberno local aprobou un Plan Parcial para permitir a construción en terreo rústico en Porzomillos dun xeriátrico privado á empresa Lucus residencial. Do xeriátrico público que o goberno prometera no sanatorio de Paraxón no proxecto de fusión nunca mais volvemos saber”, lembrou Estefanía Busto, voceira do BNG. “O goberno municipal renuncia deste xeito á unha das grandes promesas da fusión e a veciñanza queda sen un servizo público moi necesario no noso concello e na nosa comarca onde non hai un só xeriátrico nin centro de día público”.

“O proxecto está en trámite de información pública, mais nin o Plan Parcial, nin a lista das persoas expropiadas para o acceso a este xeriátrico, nin o trazado están colgados na web municipal nin se nos facilitaron aos grupos da oposición que nos vimos enterando da situación a través dos medios de comunicación” explicou a concelleira nacionalista, “tampouco o convenio asinado polo alcalde e a empresa Lucus residencial é público. É por iso que reclamamos do goberno que toda esta documentación se faga pública e deixen de actuar de xeito opaco” denunciou.

“Desde o BNG pensamos que este non é o xeito de facer as cousas, cremos na transparencia e na participación, e pensamos que decisións deste calado débeas tomar o conxunto da corporación non só o grupo de goberno. Por iso tamén esiximos nesta moción a revogación da delegación no alcalde ou na Xunta de goberno local, das competencias de pleno relativas á aprobación de documentos de desenvolvemento urbanístico ou plans parciais” concluíu Busto.

A rehabilitación do sanatorio de tuberculosos de Cesuras, ubicado no lugar do Paraxón e deseñado por Rafael González Villar, foi un dos proxectos estratéxicos para avalar a fusión dos extintos Cesuras e Oza dos Ríos. O estudo de viabilidade situaba neste emblemático edificio un xeriátrico público que permitiría ao novo municipio manterse por riba dos 5000 habitantes ao censar aos internos do xeriátrico e crearía algúns postos de traballo asociados aos servizos do centro.

Advertisements