O PP acusa ao PSOE de perder outra subvención pola “nefasta xestión”

O PP asegurou nun comunicado de prensa que o Concello acaba de renunciar a uns fondos da Deputación “que ían destinados a actuacións para mellorar servizos de iluminación” a causa da “nefasta xestión económica” do goberno local. Segundo o PP, estes recursos tiveron que “ser desviados para a redución do endebedamento do concello”. Sosteñen que se debe aos “incumprimentos” do executivo local e denuncian que “excesos do gasto en certas partidas orzamentarias provocan agora ter que renunciar a subvencións d este tipo para pagar débeda”.

Segundo o PP, sobre estes incumprimentos xa terían alertado varios informes da Intervención municipal. “Por culpa deste tipo de incumprimentos financeiros, o pasado verán o Concello de Betanzos viuse abocado por orde estatal a ter que levar a cabo un Plan Económico-Financeiro que regularice a situación municipal neste apartado, provocando isto ademais a imposibilidade ao concello de poder concertar operacións de crédito” engaden desde o PP. Para o grupo popular, “o executivo socialista volveu a mostrar a Betanzos a súa pésima xestión do diñeiro dos betanceiros”.

Actuou como portavoz no pleno a edila conservadora Marta Iglesias, debido á ausencia do voceiro e de quen viña asumindo a área económica no grupo popular, Pablo Tomé. Estes dous concelleiros acaban de quedar fóra da dirección do PP na localidade. Porén, o PP remitiu o comunicado a nome do seu portavoz, José Ángel Rodríguez, asegurando que “tristemente os betanceiros vense afectados polas irresponsabilidades dun goberno local socialista que cada día que pasa demóstranos a súa incapacidade para xestionar adecuadamente a administración municipal, algo, que clara e obviamente prexudica á nosa cidade”.

Advertisements