O goberno local de Miño pedirá ao Estado devolver o empréstito para Fadesa en 2045

O goberno local de Miño nun Pleno. En primeio plano o alcalde, de MPA, e ao fondo o grupo municipal do PP

Trinta anos. É o prazo que baralla o executivo de Miño para devolverlle ao Estado o empréstito concedido hai un par de anos. Co anuncio de pedir unha ampliación do prazo de devolución o alcalde de Miño recoñece finalmente que terá que pechar servizos para pagar os desmanes urbanísticos provocados durante décadas na localidade polos seus socios e aliados do PP.

O prazo para devolver o empréstito de 12,4 millóns de euros vencía en 2025, con dous anos de carencia e oito para ir facendo o pagamento a prazos do crédito. E agora o goberno local anuncia que remitiu un escrito ao Ministerio de Facenda no que recoñece que “pedimos unha modificación das condicións financeiras ás que actualmente está suxeita a operación de préstamo concertada por este Concello co Fondo de Impulso Económico (…) concedendo unha ampliación do período de amortización da misma ata o ano 2045”.

Agora, Ricardo Sánchez Oroza relata que as consecuencias de ter concertado este empréstito por este importe dunha ducia de millóns de euros tense traducido en “graves e inxustas medidas de presión fiscal imposibles de soportar pola maioría dos contribuíntes, pois tanto o recurte en gasto como o autofinanciamento de servizos resultaron claramente insuficientes”. Engade así que pagar 1,5 millóns de euros ao ano para devolver o empréstito no prazo concedido implica un aforro neto negativo de 1,2, un furado que medra ano a ano. O nivel da débeda é do 304% sobre os ingresos correntes do 2015.

Oroza detalla a Montoro, ademais, que colecciona outros 4 millóns pendentes de pagar en varias sentenzas xudiciais coñecidas logo de concertar o crédito co Estado, que asegura agravan a “delicadísima” situación económica do consistorio que preside. O alcalde- elixido na candidatura de Compromiso por Galicia mais integrado agora en Miño Plataforma Aberta e gobernando co PP- fai así unha emenda a canto dixo ata agora sobre o crédito e as súas consecuencias.

Corría abril do pasado 2016 e o goberno local de Miño situaba o pago da débeda de Fadesa como a primeira prioridade, cun plan de disposición de fondos deseñado por un dos edís do PP, ao cargo de Facenda. A orde de pagos estaba clara: primeiro o préstamo, en segundo lugar o persoal, en terceiro, pago de cotas sociais e tributos, en cuarto lugar pago de sentenzas (entre elas, a das expropiacións para construír Costa Miño Golf). Todos estes asuntos situados polo goberno local con preferencia sobre gastos asistenciais (quinta prioridade), pagos a proveedores pendentes doutros anos e finalmente pago de subvencións. Nesa altura Oroza aseguraba negarse a subir tributos ou seguir as recomendacións da Intervencións sobre peche de determinados servizos.

“Puedo decir que el Ayuntamiento de Miño ha hecho los deberes en el caso Fadesa” era a rotunda afirmación do alcalde Sánchez Oroza en xuño do pasado ano, agora desbordada pola realidade. “Entendemos que se puede asumir adoptando una serie de medidas, como las que hemos empezado a aplicar hace unos meses, de reducción de gasto, que no implicarán ni pérdida de servicios y subida de impuestos a los vecinos de Miño” aseguraba naquela altura. Tan feitos non estarían os deberes cando os expropiados demandaron en febreiro deste ano o pago dos xuros de demora, que o Concello non estaba a pagar: o crédito do Estado non os inclúe e o goberno local non dispuxo fondos propios para isto.

Os “orzamentos realistas e prudentes” aprobados en marzo cos votos de MPA e PP adiaban a redación dun plan de axuste para dixerir a pesada débeda do Concello a “cando corresponda”, en palabras do rexedor. Aínda non foi aprobado.

 

Advertisements