O PP vota no Parlamento contra crear unha mesa de traballo para rehabilitar o Pasatempo

O mural dos reloxos cos fusos horarios do mundo no Pasatempo é unha das partes do parque que continúa degradándose

O PP votou onte en contra da proposición non de lei do PSOE  para crear unha mesa de traballo con representantes da Consellería de Cultura, Deputación e Concello de Betanzos para abordar as fórmulas de colaboración técnica e económica para a rehabilitación do xardín enciclopédico do Pasatempo. O PP votou en contra igualmente de aplicar o trámite de urxencia á solicitude de declaración como Ben de Interese Cultural do xardín, unha solicitude que o goberno local do PSOE se resistiu a rexistrar durante máis de seis anos.

Así, a proposta do PSOE quedou rexeitada co voto en contra do PP e os votos favorables do PSOE, En Marea e BNG. O PP alegou, para opoñerse a esta proposta do PSOE moi similar á presentada por En Marea hai un par de meses,  alegando que era pronto para formar unha mesa de traballo e que a Consellería de Cultura xa cumpre co seu compromiso de colaboración técnica para recuperar o parque. O PP insistiu en que O Pasatempo é propiedade do Concello de Betanzos e situou sobre o goberno local do PSOE a responsabilidade polo seu deterioro tras deixalo “caer no abandono a partir de 2011”. “O Concello non mostrou ningunha sensibilidade ata que a asociación Amigos do Pasatempo denunciou a situación. O mural derrubouse por falta de mantemento duns simples drenaxes”, afeou a deputada do PP á bancada socialista.

Debate na Comisión de Cultura do Parlamento

O PSOE botoulle en cara ao PP que eluda a súa responsabilidade na conservación de “un patrimonio de todos os galegos” e que un concello do orzamento de Betanzos non pode rehabilitar sen axuda. Pola súa banda, a deputada nacionalista Olalla Rodil instou á Xunta a asumir “a súa responsabilidade” na recuperación dun ben “que sitúa a Galicia no mapa”, pero aproveitou tamén para criticar que o grupo municipal do PSOE votase en contra dunha moción do BNG no pleno de Betanzos para reservar unha partida que, “na medidas das súas posibilidades” permitise executar as obras máis urxentes. En Marea lamentou que unha vez máis a Xunta “busque escusas” para eludir a súa responsabilidade.

Unha profesora de Historia que compara o Pasatempo cunha catedral Patrimonio da Humanidade

O PSOE cuestinou que a Xunta teña “dobre vara de medir” e denuncian que “non poñen tantos problemas cando a propietaria (do patrimonio a rehabilitar) é a Igrexa”.” A Consellería de Cultura adoita facerse cargo da rehabilitación de bens patrimoniais doutros propietarios, fundamentalmente da Igrexa Católica, como por exemplo
esta a facer agora mesmo ca catedral de Mondoñedo” aseguran os deputados do PSOE na súa iniciativa pretendendo demostrar así a discriminación do Pasatempo.

A voceira na comisión de cultura do PSOE, Concepción Burgo, é licenciada con Grado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, doutora en Historia e Profesora Titular de Historia Moderna na Facultade de Humanidades da USC, no Campus de Lugo. Sorprende que incorra nun exhabrupto de tal magnitude comparando un parque centenario pero de nulo valor artístico cunha catedral románica que é BIC desde 1902 e que desde 2015 está na lista do Patrimonio da Humanidade da Unesco xunto co Mosteiro de Sobrado dos Monxes e outros edificios do Camiño Primitivo a Compostela, tanto polo seu valor artístico- conserva unhas das pinturas murais románicas mellor conservadas do país, entre outros tesouros- como polo que significou para a historia de Galicia.

Advertisements