Abren xuízo oral contra o exalcalde de Sada do PP e reclaman a súa dimisión como edil

Ernesto Anido entrando ao Pazo de Xustiza betanceiro

A decisión da titular do Xulgado de Instrución número un de Betanzos de abrir xuízo oral contra Ernesto Anido, exalcalde de Sada e actual voceiro do PP na vila mariñá, ten provocado unha nova convulsión no municipio. A xuíza ditaminou a apertura do xuízo oral contra o exalcalde por un  suposto delito continuado de prevaricación a raíz dunha denuncia dos exsocios de goberno do PP, o Partido Demócrata Sada Popular (PDSP). A Fiscalía pide unha condea de inhabilitación de nove anos para o desempeño de cargos públicos para Ernesto Anido, que a acusación particular eleva a dez anos. O Ministerio Público tamén imputa os delictos de prevaricación e tráfico de influencias a B.V.L., a coordinadora que contratou Anido tras elaborar conxuntamente as bases do proceso selectivo que rematou na contratación.

A acusación particular, que exerce o concelleiro do Partido Demócrata Sada Popular Emilio Gómez, sostén que alcalde e traballadora “idearon a modificación do artigo 3 do Reglamento Orgánico do Concello de Sada e a modificación da Relación de Postos de Traballo” para que a segunda resultase beneficiada no proceso de contratación.

A Fiscalía, no seu escrito de acusación, atribúe aos dous procesados “un grave dano para o bo funcionamento da Administración pública”. Isto tería levado á maxistrada a decretar medidas cautelares para o exalcalde e a excoordinadora, obrigándoos a depositar a cada un unha fianza de case 19 000 euros para evitar o embargo dos seus bens.

Anido sostén que pediu a baixa hai uns días no PP de maneira temporal, mais resístese a abandonar a portavocía municipal. Insistiu en que son os edís do grupo municipal “os que elixen o portavoz”. Asegura que tan só tratou de “modernizar” a Administración local  descartando ter cometido ilegalidades e acusou ao PDSP da súa situación xudicial, recordando que enfronta máis de 58 denuncias, segundo el “falsas”.

 

PDSP e Sadamaioría pediron a súa inmediata dimisión tras decretarse a apertura do xuízo oral en senllos comunicados.Consideran que manterse no cargo é “un insulto á cidadanía”que se aferre á cadeira.

Advertisements