Pechan ao público as pontes de madeira por obras de reparación

A ponte de madeira do Xuncaliño, alcumada popularmente como “ponte da tía Chonita”

O Concello de Betanzos anunciou que manterá pechado o acceso de peóns á ponte de madeira situada sobre o río Mendo, ata finais de maio, debido a obras de mantemento. Estas obras consistirán na limpeza da ponte, a substitución e/ou reparación dos elementos de madeira rotos ou soltos, a substitución de ferraxes e parafusos oxidados, e a preparación da superficie para a posterior aplicación de lasur protector co fin de manter a estética inicial da ponte e reforzar o tratamento superficial, pois se vai desgastando co paso do tempo.

Da mesma forma e por idéntico motivo o Concello de Betanzos manterá pechado o paso de peóns á ponte de madeira  que une o Malecón e Xucaliño salvando o río Mandeo desde finais de maio a mediados de xuño. Nesta ocasión procederase á limpeza da ponte, e a preparación da superficie para a posterior aplicación de lasur protector. O BNG demandou hai meses que se aproveiten estes traballos para evitar que o firme de ambas pasarelas sexa escorregadizo coa instalación de bandas rugosas para seguridade dos peóns.

Doutra banda, cómpre destacar que tamén se realizarán obras de reparación e mellora nas varandas protectoras das Cascas así como tamén na cuberta do tramo porticado de paseo no peirao das monxas, contra o peche perimetral do cenobio agostiño. Todas estas actuacións están incluídas no proxecto dentro do Plan de acción social (PAS- 2015) da Deputación da Coruña.

Advertisements