Miño pecha 2016 cunha débeda que triplica o máximo legal permitido

O goberno local de Miño nun Pleno. En primeio plano o alcalde, de MPA, e ao fondo o grupo municipal do PP

Miño pechou o 2016 cuns 12,26 millóns de euros gastados por riba dos topes. Ou o que é o mesmo, o dobre dos ingresos estimados para este ano nos orzamentos aprobados apenas hai un mes, que quedan en 6,2 millóns de euros.  O executivo local publicou onte nas redes sociais a liquidación de 2016, que amosa un escenario negro para o consistorio, cun 300% de débeda por riba do 110% permitido como tope máximo pola lei de facendas locais.

O executivo de PP e MPA- o partido situado na órbita de En Marea creado polo alcalde tras a súa expulsión de CxG- recoñece que pechou o pasado ano cunha necesidade de financiamento de 11 millóns e un superávit de só 285 220 euros, inferior ao medio millón previsto polo goberno local nos orzamentos. O executivo negouse ata a data a afrontar o plan de axuste que propuxo o anterior interventor cando acordaron solicitar un préstamo de 12,5 millóns de euros ao Estado en decembro de 2015. Desde aquela data leva dando declaracións contraditorias e a pasada semana anunciaba que pediría ao Estado unha ampliación no prazo de devolución ata os 30 anos.

O alcalde volveu negarse recentemente a facer o plan de axuste e mesmo anunciou aumento do gasto de persoal cunha nova relación de postos de traballo que non se xustificou nunca como financiaría malia a débeda. O goberno local de MPA e PP insistiu ata agora en que non tiña que elaborar o plan de axuste ata aprobar a liquidación, pese a que era evidente que incurriría en déficit.

A pasada semana o goberno local fiou o futuro do Consistorio a que o Estado amplíe o prazo de devolución do préstamo de 10 a 30 anos ou a que o Tribunal Supremo revogue a sentenza que lle nega a condición de acreedor preferente de Fadesa. Á vista dos resultados do exercicio 2016, o Concello está obrigado por lei a elaborar xa o plan de axuste. A lexislación establece o prazo dun mes desde que se constata o incumplimiento para presentar o plan económico financeiro (a liquidación leva firma do pasado 28 de abril) e dous meses para a súa aprobación polo pleno.

 

Advertisements