O espectáculo Tic Tac Toc, de Pablo Díaz, chega a Betanzos o vindeiro domingo 14 de maio

A Aula de Cultura está na á esquerda do baixo do Edificio Arquivo

O vindeiro domingo 14 de maio terá lugar ás 18:00 h na Aula de Cultura do Edificio Arquivo o concerto de Pablo Díaz co seu espectáculo “Tic Tac Toc”. Este espectáculo está especialmente pensado para nenos e nenas de ata sete anos de idade e busca reforzar a transmisión da lingua galega no ámbito familiar. A entrada é de balde ata completar a capacidade da sala.

Esta actividade forma parte do programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’, impulsado pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración co Concello de Betanzos, como concello que forma parte da Rede de Dinamización Lingüística.

No concerto Tic Tac Toc, Pablo Díaz -acompañado de Diego Barral (guitarras) e de Álex Fente (acordeón)- ábrese ao mundo dende a lingua galega incorporando ritmos e sentires de latitudes diversas (Brasil, Cuba, Os Estados Unidos…) sen abandonar os temas que conforman o universo próximo dos nosos nenos e nenas. Entre os obxectivos
desta programación están ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia.

Quen mellor para propoñerlles aos cativos e cativas cancións para desfrutar dunha tarde en familia e para seguir cantando no coche e na casa ca este músico gañador do premio Martín Códax na categoría de música infantil polo seu segundo traballo, “Toc Toc” (2013), e autor, ademais, doutras propostas de éxito, como “Tic Tac” (2010) e “Xente
miúda, moita fartura” (2014).

Advertisements