O PP anuncia que Portos instalará pasos elevados no peirao betanceiro

O porto betanceiro

Carreira de investimentos no porto betanceiro. Se a Deputación anunciaba recentemente a mellora da estrada que conduce ao peirao desde a avenida de Coruña coa construción dunha senda peonil que dote de maior seguridade viaria a estrada, de paso que mellora o firme, a Xunta non quere quedar atrás.

O PP betanceiro anunciou onte por medio dun comunicado que Portos de Galicia instalará pasos de peóns elevados no recinto portuario- da súa titularidade- para evitar as carreiras que se producen na zona e mellorar a seguridade viaria no entorno. O PP betanceiro asegura que nesta obra o ente público investirá 25 000 euros, e agradece nun comunicado que actúe de forma “ágil y eficaz” para atallar un problema que en realidade leva dándose desde que a Xunta reformou o porto betanceiro e suprimiu o pavimento de adoquín, noutra obra que tamén anunciara o PP antes de facelo público o goberno galego.

No comunicado de prensa o voceiro do PP, José Ángel Rodríguez, asegura que este investimento menor amosa o “claro y obvio compromiso de la Xunta con las demandadas y necesidades de los betanceiros, a pesar del continuo pasotismo y dejadez por parte del gobierno municipal socialista”. O compromiso da Xunta cifraríase así neste pequeno investimento no porto cando a carón del, a ría agarda desde hai anos pola súa rexeneración e saneamento integral.

Advertisements