Só dúas bandeiras azuis ondearán nas praias da comarca

Praia de Perbes

A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) e a Fundación Biodiversidade acaban de facer público o listado de areais que contarán este ano coa bandeira azul, un distintivo que recoñece os servizos con que contan as praias e que non están estrictamente vinculados á calidade da auga de baño.

Así, tan só dous areais da comarca contarán con este distintivo este verán. Son as praias da ribeira e Perbes, ambas en Miño. A praia Grande non consigue recuperar o distintivo que perdeu o pasado ano por falta de socorristas, algo que este ano volve a deixala sen o estandarte. Os restantes areais de Miño tampouco a consiguen, por falta de servizos como duchas, socorristas ou estacionamentos.

Gandarío queda sen ela. As praias de Bergondo teñen unha situación ambiental crítica, o que ten levado á Xunta a recomendar non bañarse no principal areal bergondés pola elevada contaminación de augas fecais. Paradoxalmente a Xunta mantén aberto o albergue xuvenil de Gandarío para a tempada de campamentos, centrándoo precisamente no deporte náutico nunha praia na que desaconsella o baño. Os areais do Regueiro e o Pedrido continúan cos seus respectivos problemas de contaminación de fecais e a cepa de hepatite baixo a ponte da autoestrada, que fai que a Xunta tampouco aconselle o baño nas súas augas. Isto non impediu que o goberno local decidise anticipar a contratación dos socorristas.

Sobre os areais paderneses da Xurela e a Abeleira non hai analíticas da calidade da auga, mais estando enfrontadas ás bergondesas do Regueiro e Fiobre é lóxico supoñer que comparten os problemas sobre a calidade da auga.

Sada queda sen bandeira azul tamén. Neste caso os frecuentes verquidos son a causa principal que fai que xa sexan varios os veráns nos que non pode facer ondear a bandeira azul. Tamén a Xunta ven de recomendar evitar o baño no principal areal sadense de cara ao verán, a pesar do cal o goberno sadense insiste na necesidade de retirar area do banco de cría de Lorbé para facer un recheo na praia urbana da localidade.

Advertisements