O Campionato galego xunior de Taekwondo celébrase o sábado no Carregal

Varios eventos abrirán as portas da aula de Cultura do Edificio Arquivo esta fin de semana

A axenda de lecer da fin de semana ven chea de contidos do máis variado. A cita máis senlleira é o campionato galego xunior de Taekwondo, que organiza na nosa cidade o Clube Kwon por delegación da Federación Galega. Deportistas de todo o país concentraranse no pavillón municipal desde as nove e media da mañá para a competición, que conta coa colaboración do Concello.

A axenda, porén, arrinca moito antes.  Ás oito do serán a Libraría Biblos acolle a presentación da obra da betanceira María José Allegue, autora do poemario “El silencio de la soledad” e “La ventana que me miraba”, editadas por Círculo Rojo. Na sala de actos da libraría mantense pendurada a exposición “Imago mundi”, da artista bilbaína Alba Lorente e a italiana Federica Bau, alumnas do CIEC.

Na mesma praza, a partir das 22:30 h o Café Lanzós programa un concerto de rock a cargo da banda local Mr Degrees. Media hora antes, o Café Bar Gaia (R/ Cruz Verde) comeza a festa do seu primeiro aniversario cun concerto de Aixa Romay.

E na aula de cultura do Edificio Arquivo terá lugar o espectáculo “Moendo Muiñeiras” onde se mesturan o teatro, a música e o baile tradicional. Está dentro do programa Cultura no Camiño 2017, coordinado por Turismo de Galicia e pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Agadic e co patrocinio de Gadis. Entrada de balde ata completar aforo.

O sábado, ás oito do serán a aula de cultura acolle un encontro de Corais no que participarán Coral de Maside (Ourense), o Coro Ronda Amigos del Bierzo (Ponferrada, León) e a Coral Polifónica de Betanzos, organizadora do evento. Antes, ás cinco da tarde terá lugar un obradoiro creativo de maxia na Biblioteca Municipal A. Castelao, dentro da Campaña Ler conta Moito da Xunta de Galicia.

O domingo ás seis da tarde a Aula de Cultura volve abrir as portas para acoller o concerto do músico Pablo Díaz e a súa banda “Tic Tac Toc” para nenos e nenas de entre 0 e 12 anos, dentro do Programa das Letras Galegas. Organizado pola Xunta de Galicia a través da Rede de Dinamización Lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración co Concello de Betanzos. Entrada de balde ata completar aforo.

Antes, ás 10:30 h, da praza do Campo arrincará unha nova edición da andaina solidaria pola ruta do Mende. Nesta ocasión é a beneficio da Asociación contra o Cancro.

Ademais continúan as seguintes mostras:

  • “Betanzos. Poesía no comercio” nos comercios betanceiros
    Entre o 17 de abril e o 31 de maio, difusión das poesías galegas creadas polo alumnado do CEIP Francisco Vales Villamarín. Actividade organizada polo Concello de Betanzos e o Equipo de Dinamización e Normalización Lingüística do CEIP Francisco Vales Villamarín con motivo do Día internacional do libro e da lectura e o Día das Letras Galegas.
  • Xornadas de portas abertas no Museo das Mariñas
    Do 1 ao 31, desenvolveranse as Xornadas de portas abertas no Museo das Mariñas en horario de 10:00 h a 13:00 h e de 16:00 h a 20:00 h de luns a venres, e os sábados de 10:30 h a 13:00 h. Organiza o Concello de Betanzos.
  • Exposición dos debuxos participantes no VIII Concurso de carteis das Letras Galegas
    Do 2 ao 31, exposición dos debuxos participantes no VIII Concurso de carteis das Letras Galegas no edificio Liceo en horario de 10:00 h a 13:00 h e de 18:00 h a 20:30 h os días laborables e de 11:00 h a 14:00 h os sábados. Organiza o Concello de Betanzos.
  • Exposición no edificio Liceo sobre a vida e obra de Carlos Casares
    Do 2 ao 31, exposición no edificio Liceo sobre a vida e obra de Carlos Casares da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, en horario de 10:00 h a 13:00 h e de 18:00 h a 20:30 h os días laborables e de 11:00 h a 14:00 h os sábados. Organiza o Concello de Betanzos.
    Exposición bibliográfica sobre a vida e obra de Carlos Casares
    Do 2 ao 31, na Biblioteca Municipal A. Castelao, terá lugar unha exposición bibliográfica sobre a vida e obra de Carlos Casares, no horario habitual da biblioteca, de luns a venres de 10:00 h a 14:00 h e de 16:00 h a 21:00 h e os sábados de 10:30 h a 13:00 h. Organiza o Concello de Betanzos.
  • Exposición de obra gráfica titulada “Encontros comigo mesmo”
    Do 5 ao 28, terá lugar na Sala de Exposicións do edificio Liceo a exposición de obra gráfica composta de xilografías e collages do artista betanceiro José Valentín titulada “Encontros comigo mesmo” en horario de 10:00 h a 13:00 h e de 18:00 h a 20:30 h os días laborables e de 11:00 h a 14:00 h os sábados.
  • Exposición “Semana Santa de Betanzos 2017” na que se amosarán aquelas fotografías que se presenten ao concurso convocado ao efecto pola Confraría de Semana Santa de Betanzos xunto coas instantáneas da mesma temática de diversos profesionais. Do 5 ao 28, na entrada da Sala de Exposicións do edificio Liceo, en horario de 10:00 h a 13:00 h e de 18:00 h a 20:30 h os días laborables e de 11:00 h a 14:00 h os sábados.
Advertisements