A Xunta convoca un campo de traballo para o Pasatempo tras negarse a financiar a súa rehabilitación

O Pasatempo

A Xunta ten aberto o prazo de inscrición para un campo de traballo internacional no Pasatempo. O anuncio e prazo chega logo de que o goberno galego, do PP, se negase a asumir sequera parte do proxecto de rehabilitación do xardín enciclopédico e votase dúas veces en contra destas medidas no Parlamento. En lugar dun investimento, o goberno galego ofrece unha semana de voluntariado no parque.

As condicións, segundo a información publicada pola propia Dirección Xeral de Xuventude, é ser maior de idade e pagar a cota de 110 euros para poder inscribirse e realizar traballos de xardinería no parque, “segundo criterios de sustentabilidade”. “Especificamente, procederase á limpeza, reparación e plantación do invernadoiro da primeira terraza e á reformulación das plantacións e das instalacións do xardín” recollen as bases.

O obradoiro durará dez días, do 10 ao 21 de xullo, e será de tan só sete prazas. Os participantes aloxaranse “nuns apartamentos propiedade do Hotel Garelos, mentres que a manutención farase nun restaurante próximo”. Sobre os criterios seguidos polo goberno galego á hora de adxudicar a estas firmas estes contratos non é posible atopar nada no portal de transparencia da Xunta.

Neses dez días os asistentes terán tempo tamén de facer unha visita guiada ao” legado dos irmáns García Naveira e á zona vella de Betanzos”, un roteiro de sendeirismo polas fragas do Mandeo, visitar o Pazo de Oca e a Torre de Hércules, ou subir aos Caneiros en lancha, entre outras actividades. Ademais, terán tamén un obradoiro de pintura, obradoiro de construción do globo de Betanzos e outro obradoiro de elaboración de queixo. Dáse a circunstancia de que a actual directora xeral e vicepresidenta local do PP, Cecilia Vázquez, segundo informa a Xunta no seu web, desempeñou a asesoría externa da única entidade da comarca que ofrece este tipo de actividade entre os anos 2006 e 2015.

Logo desdes dez días de replantado de xardíns non hai continuidade nos traballos no Pasatempo, polo que resulta obvio que non solucionará ningún dos graves problemas da Horta de Don Juan alén de resolver a situación dos parterres.

Advertisements