En Marea amosa o seu apoio ao goberno local de Miño

O goberno local de Miño nun Pleno. En primeio plano o alcalde, de MPA, e ao fondo o grupo municipal do PP

En Marea amosou o seu apoio ao goberno local de Miño. Na súa conta de facebook, a deputada no Congreso Yolanda Díaz anunciaba que desde as nove e media da mañá de hoxe mantén unha “xuntanza co alcalde de Miño, Ricardo Sánchez, para falar da difícil situación económica do concello despois da sentenza que obriga á administración local a pagar as expropiacións da urbanización Costa Miño Golf e a negativa do Ministerio a ampliar a operación de préstamo do concello co Fondo de Impulso Económico”.

Para unha hora máis tarde, Díaz anuncia unha rolda de prensa na Casa Consistorial de Miño. Dáse a circunstancia de que o rexedor, Ricardo Sánchez Oroza (MPA, ex CxG) ten convocado aos medios de comunicación para esta mañá, na que informará sobre as opcións que sopesa de cara a garantir a viabilidade do Concello.

O Concello de Miño está abocado a presentar xa un plan de axuste que garanta o pago do préstamo de 12,5 millóns que solicitou para pagar aos expropiados por Martinsa Fadesa para construír a controvertida macrourbanización Costa Miño Golf. O Concello fía todas as súas esperanzas a unha ampliación do prazo de devolución do crédito e deixou pasar case dous anos sen tomar as medidas precisas pese ás advertencias de Intervención.

Miño pechou o 2016 cuns 12,26 millóns de euros gastados por riba dos topes. Ou o que é o mesmo, o dobre dos ingresos estimados para este ano nos orzamentos aprobados apenas hai un mes, que quedan en 6,2 millóns de euros. O executivo local publicou onte nas redes sociais a liquidación de 2016, que amosa un escenario negro para o consistorio, cun 300% de débeda por riba do 110% permitido como tope máximo pola lei de facendas locais.

O executivo de PP e MPA- o partido situado na órbita de En Marea creado polo alcalde tras a súa expulsión de CxG- recoñece que pechou o pasado ano cunha necesidade de financiamento de 11 millóns e un superávit de só 285 220 euros, inferior ao medio millón previsto polo goberno local nos orzamentos. O executivo negouse ata a data a afrontar o plan de axuste que propuxo o anterior interventor cando acordaron solicitar un préstamo de 12,5 millóns de euros ao Estado en decembro de 2015. Desde aquela data leva dando declaracións contraditorias e a pasada semana anunciaba que pediría ao Estado unha ampliación no prazo de devolución ata os 30 anos.

O alcalde volveu negarse recentemente a facer o plan de axuste e mesmo anunciou aumento do gasto de persoal cunha nova relación de postos de traballo que non se xustificou nunca como financiaría malia a débeda. O goberno local de MPA e PP insistiu ata agora en que non tiña que elaborar o plan de axuste ata aprobar a liquidación, pese a que era evidente que incurriría en déficit.

A pasada semana o goberno local fiou o futuro do Consistorio a que o Estado amplíe o prazo de devolución do préstamo de 10 a 30 anos ou a que o Tribunal Supremo revogue a sentenza que lle nega a condición de acreedor preferente de Fadesa. Á vista dos resultados do exercicio 2016, o Concello está obrigado por lei a elaborar xa o plan de axuste. A lexislación establece o prazo dun mes desde que se constata o incumplimiento para presentar o plan económico financeiro (a liquidación leva firma do pasado 28 de abril) e dous meses para a súa aprobación polo pleno. A primeira cota do préstamo ten que pagala o próximo ano.

De momento, Oroza segue sen aclarar as solucións que baralla para garantir, non só a devolución do crédito de 12,5 millóns, senón o pago total da débeda cos expropiados, que rolda os 30 millóns. Tampouco explica como prevé facelo sen quebrantar as arcas municipais dun municipio que dispón dun orzamento que rolda os seis millóns.

Oroza é alcalde de Miño desde 2015. O exedil do PSOE presentouse encabezando a candidatura de CxG e pactou a investidura co PP para apartar da alcaldía aos seus excompañeiros do PSOE, que por vez primeira gañaran os comicios na localidade. Fundou posteriormente Miño Plataforma Aberta (MPA), que se ubica na órbita de En Marea, polos que fixeron campaña. A Yolanda Díaz e En Marea esquécelles, pois, que o goberno local de Miño ao que prestan apoio está conformado maioritariamente polo mesmo PP que, segundo explica Díaz, é responsable da situación do consistorio.

Advertisements