En Marea trasladará ao Congreso as peticións do alcalde de Miño

Ricardo Sánchez Oroza, alcalde de Miño, coa deputada de En Marea Yolanda Díaz

O alcalde de Miño, Ricardo Sánchez Oroza, e a deputada no Congreso de En Marea Yolanda Díaz ofreceron onte unha rolda de prensa conxunta para anunciar que a formación levará ao Congreso dos Deputados a demanda do rexedor de pedirlle ao Estado unha ampliación no prazo para devolver o crédito de 12,5 millóns de euros para pagar as expropiacións de Costa Miño Golf.

A comparecencia comezou coa deputada á defensiva, logo de que nas redes sociais e mesmo no seu propio perfil na rede social facebook a cuestionasen por se reunir con Oroza, que foi investido e goberna co PP tras ser expulsado de CxG, formación coa que se presentou á Alcaldía abandeirando a “auténtica esquerda” do municipio. Yolanda Díaz quixo facer ver que se reúne con calquera alcalde que reclama a súa presenza porque, dixo, mira polo “ben común”. Así, para disipar calquera dúbida de apoio a un goberno local ocupado maioritariamente polo PP arremeteu contra os conservadores, aos que apuntou como causantes das “barbaridades urbanísticas” que provocaron a débeda de Miño.

Iso si, tras as grosas palabras proferidas contra o  executivo local, a responsable de En Marea anunciou que pedirá unha reunión coa Secretaría de Facenda para reclamar que se amplíe o prazo de devolución do préstamo e que presentará varias iniciativas nese sentido ante o Congreso. Exactamente o mesmo que solicita o goberno local, MPA- marca local creada por Oroza afín a En Marea- e o propio PP.

 

Oroza, pola súa banda, anunciou que ten previsto reunirse próximamente coa Fegamp e espera solicitar apoio do resto dos partidos con representación no Congreso para trasladar a súa solicitude ao Goberno español. A solicitude de ampliar o prazo de devolución cúrsaa agora que vencen practicamente os dous anos de carencia do préstamo sen adoptar as medidas que puxo sobre a mesa a Intervención en decembro de 2015.

Porque o goberno local resístese a adoptar o plan de reequilibrio deseñado pola Intervención sen ofrecer unha alternativa que non pase por ampliar o prazo de devolución de 10 a 30 anos, algo que non depende do Concello e que, ademais, incrementará o custo do préstamo ao elevar os xuros. Insistiu onte o exedil do PSOE en que resulta “inasumible” subir o IBI ao 0.80 como recomenda a Intervención e que “non podemos reducir a calidade dos servizos de Miño, non entendemos ese agravio comparativo por algo do que os veciños non somos responsables”.

O alcalde de Miño negouse a avanzar que medidas incluirá no plan de axuste que debe presentar sen máis dilación trala liquidación das contas de 2016. Miño ten un volume de débeda que case triplica o tope legal e conta con menos dun mes para elaborar un plan económico-financeiro que terá que elevar a pleno antes do 28 de xuño.

O alcalde, que se presentou nas eleccións como o azoute do PP polo caso Fadesa, evitou onte cargar as tintas contra os seus  socios de goberno polo enorme buraco provocado polas irregularidades na xestión do Costa Miño Golf. Limitouse a dicir que se trata dunha débeda que ten que asumir por “imperativo legal” e aduciu que Fiscalía arquivara a denuncia impulsada polo PSOE fai xa máis de dous anos por un posible delito de prevaricación.

En Marea asume as propostas do PP, que traballa con Facenda hai semanas

Sorprendeu en Miño a visita da deputada e dirixente de En Marea para retratarse a carón do alcalde. E sorprendeu que fose para anunciar publicamente que asume os postulados do PP para pedir a Facenda no Congreso que amplíe o prazo. É unha medida na que ven traballando o PP de Miño nas últimas semanas, sen facer declaracións, mais é obvio que é a postura do executivo local como quedou claro a pasada semana. “Queren apuntarse o noso traballo” dicía onte un edil do PP de Miño.

O PSOE, sorprendido coa “patada cara adiante”

Faraldo, portavoz do PSOE de Miño

Para o PSOE, único partido da oposición con representación, a comparecencia é outro acto da “política de patada cara adiante” do executivo local., Lamentan que durante máis de dous anos o goberno local recorrese a manobras evasivas para evitar tomar medidas e siga a ignorar as recomendaciones de Intervención. Os socialistas foron especialmente críticos co seu excompañeiro Oroza, ao que critican por pactar co partido que levou a Miño a “esta lameira”. Dubidan que o Estado acceda á solicitude de ampliar o prazo de devolución mentres que o goberno municipal siga coa súa “política de patada cara adiante”.

Segundo o PSOE explica na súa conta de facebook, Oroza “dinxe querer amañar a ruína” sen “tomar medida algunha para afrontalo” e botan en cara que non fixese “nin sequera a cacarexada auditoría”. Sosteñen que segue “sen facer nada de nada para encarar a situación”. Os socialistas acusan aos seis edís do PP de recorrer “a unha deputada de En Marea para que lles tape as vergoñas, sen importarlles a humillación pública á que eles mesmos se ofrecen” e “amosando de novo a súa incompetencia e incapacidade” para todo o que non sexa votar “á orde do seu amo”.

O BNG pide xulgar aos responsables e que a Xunta asuma a súa parte de culpa

Olalla Barro é a portavoz do BNG en Miño

O BNG, sen representación no Concello, lamentou onte que o goberno de Miño “continúe ca súa liña negacionista e traslade á cidadanía a falacia de que prorrogando o prazo de devolución do crédito de 12,5 millóns de euros o problema das arcas municipais está resolto”. Lembran que o municipio adebeda trinta millóns de euros- a razón de 15 aos bancos, doce deles a débeda principal das expropiacións de Fadesa, tres da devolución do canon urbanístico cobrado indebidamente de Monte Piñeiro, trece ás persoas expropiadas de Fadesa (por xuros de demora a favor das persoas expropiadas de Fadesa e sentenzas pendentes e un millón de euros de xuros a favor do Estado polo préstamo dos doce millóns de euros.

Indican que se trata dunha “débeda privada que recae sobre todos e todas nós pola decisión do goberno do PP de non pedir os avais correspondentes”. “A estes 32 millóns de euros hai que engadir no pasado ano máis de douscentos mil euros pola demora no pago do principal ás persoas expropiadas e outros trescentos mil euros que gastaremos nun recurso que non vai prosperar” engaden. Este recurso foi presentado contra a sentenza que exclúe ao Concello de Miño como acredor preferente na liquidación concursal de Fadesa, decisión xudicial motivada pola situación en concurso de acredores da empresa na firma do novo contrato co Concello en decembro de 2011, “detalle obviado polo goberno do PP coas nefastas consecuencias descritas”.

“A única alternativa é de unha vez por todas, admitir que a débeda ás persoas expropiadas é impagábel para a veciñanza de Miño, xulgar aos culpábeis e esixir á Xunta que asuma a súa responsabilidade como supervisora de todo o proceso desta xigantesca estafa. Nós non temos que pagar os pratos rotos da especulación urbanística”, indicou a portavoz do BNG-Asambleas abertas de Miño, Olalla Barro.

“Non ten sentido recordar as promesas incumpridas de realizar unha auditoría sobre esta estafa, nin o de iniciar un expediente de responsabilidade patrimonial contra quen provocaron esta situación, mais son promesas que no seu día fixo o actual alcalde”, abundou Olalla Barro. “O culpábel de todo isto é o PP, o mesmo PP que lle deu o poder e mantén na cadeira ao alcalde, o mesmo PP co que está a gobernar Ricardo Sánchez Oroza e a ese PP terá que exixir responsabilidades”, indicou a voceira do BNG. “Terá que exixirlles aos catro ou cinco concelleiros e concelleiras do PP que provocaron esta situación que paguen do seu peto o que provocaron en lugar de obrigar a toda a veciñanza a pagalo do seus impostos e a costa dos seus servizos”, concluíu.

Advertisements