O Fondo Galego de Cooperación conmemora os 20 anos cunha mostra en Sada

A sadense Travesía da Obra albergará ata o día 28 a exposición que conmemora os vinte anos de andaina do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que consiste nunha serie de cubos instalados na vía pública nos que se reflicte o labor desta organización. O obxectivo da iniciativa é difundir a contribución das dúas deputacións-A Coruña e Lugo- e 89 concellos- entre eles os de Abegondo, Bergondo, Betanzos Sada e Vilasantar- , á erradicación das desigualdades Norte-Sur, así como fomentar entre a opinión pública galega a cooperación para o desenvolvemento.

O deseño da exposición é de Pepe Carreiro, autor dos famosos personaxes coñecidos como os Bolechas, que mostra nos paneles algúns dos 150 proxectos apoiados polo fondo en 25 países durante dúas décadas, así como as actividades de sensibilización levadas a cabo en Galicia.

Betanzos é o concello da comarca que menos aporta ao Fondo

Só cinco concellos da comarca son socios do Fondo Galego de Cooperación e fan, polo tanto, a súa achega de fondos. Estas aportacións, polo que detalla o fondo, calcúlanse en base á poboación de cada concello, determinando unha cota mínima que cada concello pode incrementar voluntariamente. De feito, o Fondo anima a achegala ao 0,7% para cooperación propugnado pola ONU.

Na comarca tan só Abegondo, Bergondo, Betanzos, Sada e Vilasantar son socios do Fondo. O partido xudicial suma apenas un municipio máis, Pontedeume. Abegondo, cos seus 5533 habitantes segundo o padrón do INE, achega 626.91 euros, o que fai que teña unha aportación de 0.113 euros por habitante. É a segunda achega máis alta ao Fondo, por detrás dos 0.188 euros por veciño que aporta Vilasantar, cos seus 240,24 euros de cota repartidos entre os seus 1275 veciños. O terceiro concello en importancia na achega é Bergondo, 0.099 euros por veciño. Ségueo Pontedeume, que con 8005 persoas censadas e unha cota de 711,03 euros aporta 0.088 euros por veciño. Logo vai Sada, con 0.086. Betanzos é o concello da comarca que menos aporta: 0.084 euros por veciño, cunha cota de 1102.02 euros repartida entre os 12 966 veciños censados. Todos eles moi lonxe do 0,7%.

Os datos de poboación para realizar estes cálculos están obtidos do padrón do INE, no seu web, e as achegas da cota de cada concello a ten publicada o Fondo no seu web. O resto é calcular unha sinxela división para achar os euros por habitante e ter unha magnitude comparable.

 

Advertisements