Xunta e Deputación melloran dúas estradas da súa titularidade en Curtis

Estrada AC-161 ao seu paso por Castro

A Xunta sacou a licitación as obras dunha senda peonil na estrada AC-840 para mellorar a seguridade viaria no seu paso por Curtis. O proxecto, que conta cun orzamento de 617 000 euros, afecta a un tramo de 1,8 quilómetros, no que se prevé tamén a rehabilitación da calzada nos lugares nos que sexa preciso. A actuación consiste na creación dun itinerario peonil pola marxe dereita da estrada, a partir do quilómetro 20,140, onde se sitúa o bordo da actual plataforma, segundo informou onte a Xunta.

A obra completarase cos traballos de drenaxe e a sinalización correspondente. O prazo para admitir as ofertas finalizará o vixésimo sexto día logo da publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia (DOG), realizado onte.

Pola súa banda, a Deputación Provincial sacou a contratación, por 9000 euros, as obras incluídas no Plan de Vías Provinciais 2016 quinta fase, en concreto, o ensanche e mellora da seguridade vial na estrada DP 9001, no lugar de Vilariño. O prazo de execución dos traballos é de seis meses.

Advertisements