O PP denuncia o deterioro duns aseos do local da Ribeira usados de almacén

O local social está a carón do Matadoiro 

O PP denunciou que os aseos da parte baixa do local social da Ribeira teñen malas condicións. Segundo a dereita, “usuarios destas instalacións” demandan que se acondicione o pavimento porque están deteriorados e a humidade provoca que a xente esbare. Segundo o PP, os veciños piden tamén que se iluminen mellor. Os aseos en cuestión, situados no exterior do inmoble baixo a escaleira de acceso á primeira planta, levan anos inutilizados, e durante tempo estiveron ocupados como almacén de enseres dun particular.

O local social está en fase de reparación con cargo a un plan provincial.

O PP anuncia que pedirá tamén no pleno que se mellore a seguridade en torno ao parque infantil da Ribeira. Denuncian que o goberno local non colocou medidas protectoras para evitar que os balóns dos cativos que os usan rematen na estrada do Malecón. Os conservadores súmanse, usando de exemplo este parque infantil, á demanda realizada no anterior pleno polo BNG de mellora na atención e conservación das randeeiras e demais xogos dos parques infantís do municipio.

Aseguran que xa levaron máis veces estes asuntos ao pleno e que non son atendidas polo “desgoberno municipal socialista”.

Advertisements