O BNG pide que se analice a auga das fontes para garantir a seguridade no consumo

A fonte dos Ánxeles está no camiño dos Caneiros

O BNG demandou ao goberno local que realice analíticas sobre a calidade das fontes tradicionais e as faga públicas a carón delas, para que a veciñanza coñeza a calidade da auga. “Hai anos que se aprobou esta moción do noso grupo e aínda non se fixo nada ao respecto”, recorda o voceiro do BNG, Henrique del Río.

As nacionalistas indican que estas analíticas permitirían, “coñecer, cando menos orientativamente, que bebe, ou, chegado o caso, recomendar que non se empregase a auga de algunha fonte para consumo humano”. Isto, entenden, sería unha maneira doada de velar por unha maior seguridade alimentar da veciñanza. Ademais, explican, permitiría á veciñanza facerse unha idea da contaminación existente no municipio, axudando a concienciar contra verquidos e outras prácticas nocivas.

“Non será tan difícil de facer isto cando son moitos os concellos, entre eles un concello lindeiro do noso, que realizan exactamente unha iniciativa coma esta”, ironizou Del Río.

As nacionalistas recordaron que outras iniciativas que presentaron sobre o coidado, posta en valor e conservación das fontes tampouco foron cumpridas polo goberno local. “É un patrimonio, tanto desde o punto de vista ambiental como monumental, que está desatendido, e encerra un potencial turístico que o goberno local tampouco contempla”, lamentan.

Advertisements