O goberno local contrata tamén a La Oreja de Van Gogh para as festas deste ano mentres segue sen orzamentos

Ariel Rot actuou o pasado ano nas festas de San Roque

Novamente nunha exclusiva ao xornal coruñés El Ideal Gallego, o goberno local fixo pública a pasada fin de semana outro dos concertos que contratou para as patronais de San Roque. A “banda” coa que estaba a negociar as condicións segundo a información publicada polo rotativo coruñés a pasada semana era La Oreja de Van Gogh, que segundo a información exclusiva facilitada polo goberno do PSOE ao xornal actuará na praza do Campo o vindeiro sábado 19 de agosto, o día despois dos Caneiros. A información exclusiva insiste en que a carón destas contratacións a dedo, convocarán nos vindeiros días o concurso para contratar varias orquestras, sacudido pola polémica os últimos anos.

 

Xornal de Betanzos xa anticipou hai unhas semanas, tras publicarse no BOP, outras actuacións incluídas na Rede Cultural da Deputación, como a de Roi Casal, o Mago Antón e dúas bandas tributo contratadas a rancisco Gómez Seijo, tituladas “Entre Sabina y Sanz: tributo Alejandro Sanz y Joaquín Sabina”, que custa 4356 euros, e “7 vidas (Dani Royo Band)”, tributo a Antonio Flores, por outros 3751 euros. En total, este contratista levará 8107 euros.

Os anuncios destas contratacións por parte do goberno local chegan sen ter aprobado o orzamento para este 2017. De feito, o documento contable tiña que ter estado aprobado para a súa entrada en vigor co ano natural, o pasado 1 de xaneiro. O goberno local resístese a achegar unha proposta aos grupos e continúa coas contas prorrogadas de 2016, aprobadas co apoio do propio PSOE e BN e BeC- o edil que resultou elixido na candidatura de CxG.

Nas contas de 2016 prevíase incrementar o gasto en festas ata os 317 500 euros. “Só nas festas de agosto vaise incrementar o gasto de 160 mil a 200 mil euros” denunciaron desde o BNG para explicar os motivos polos que se opuxeron a este orzamento. BN, que nun anuncio en prensa poñía como condición para apoiar o orzamento “conxelar as partidas destinadas as festas de San Roque e outros festexos” apoiou contra os seus propios compromisos o incremento do gasto nas festas. O goberno local aínda non fixo pública a liquidación do pasado ano para comprobar como se axustou o gasto a este incremento de 40 000 euros nas festas patronais avalado por BN e BeC.

Advertisements