Gelo e Santiso enfróntanse pola presidencia dun consorcio adscrito a Oleiros

O Consorcio convertirase en mancomunidade das Mariñas

O Consorcio das Mariñas foi adscrito ao Concello de Oleiros, motivo polo cal o seu alcalde, Ángel García Seoane, “Gelo”, entende que debe presidilo. E así o vai comunicar aos outros rexedores da entidade por medio dunha carta nos vindeiros días. Xa que o Consorcio pasa a ser un ente dependente do seu municipio, entende que debe asumir tamén a súa presidencia  para cumprir a lei de racionalización local, que obriga ao consorcio a adscribirse a Oleiros, o concello con máis poboación. “Non pode estar adscrito un ente si non o dirixen aqueles que teñen a adscripción”, aseguraba onte en declaracións a Radio Coruña.

Asegura que é esta unha medida transitoria e que pretende impulsar a área metropolitana ante o “boicot” do PP. Desde o PP, precisamente, chega o enroque. O actual presidente do Consorcio,  o abegondés José Antonio Santiso Miramontes, resístese a soltar unha de tantas presidencias de entes que concentra e asegura que a lei de recionalización non establece quen debe asumir a presidencia. Aférrase ao cargo co argumento dunha suposta elección democrática da presidencia do Consorcio, que se fai a porta pechada só entre os alcaldes dos concellos integrantes. Advirte, ante o anuncio da epístola de Gelo aos rexedores, que convocará unha xuntanza de alcaldes a porta pechada para tomar unha posición ao respecto.

Gelo conta co apoio dos alcaldes de Sada (En Marea) e Cambre (independente). Os do PSOE (Betanzos, Bergondo e Culleredo) tratan de colocarse nun punto intermedio entre o independente e o rexedor do PP. E os alcaldes do PP diverxen entre o abandono do Consorcio que propugna Arteixo, o amarre á cadeira de Abegondo e a saída pola tanxente, pedindo estudos, do alcalde de Carral.

Advertisements