O PP critica o gasto de 10 000 euros no necesario desvío dunha liña de baixa tensión nos Xudeos

As obras de pavimentación do Calexón dos Xudeos e da construción dunha praza na confluencia das rúas Cruz Verde e Dr. Fleming levan tempo paradas, provocando malestar na veciñanza, como xa ten advertido o BNG no pleno en dúas ocasións, pedindo que se aclaren os motivos dos retrasos nos traballos. Tamén o PP, hai meses, se sumara á demanda dos nacionalistas.

Onte, o PP publicou un extracto dunha acta da xunta de goberno local para denunciar que custará 10 000 euros retranquear unha liña de baixa tensión que cruza esta zona. Segundo o PP, a construción do que denominan “un novo parque” no remate das dúas rúas, nas inmediacións do tanatorio, foi unha “demanda” do seu grupo. Mais sosteñen que o goberno local non tivo presente “a situación dun poste de tensión ali ubicado” que, aseguran, resultaba evidente que “xeneraría problemas no momento que se puxesen en marcha as obras”.

“Hoxe xa podemos saber, que aquela mala planificación, que aquela nefasta xestión por parte do executivo socialista nos leva a desembolsar case 10 000 euros máis nesta actuación para poder resolver a problemática e continuar coa obra” aseguran nun comunicado na sua conta oficial na rede social facebook. Denuncian que se trata de “10 000 euros que sairán nin máis nin menos das arcas municipais, é dicir, dos petos dos betanceiros unha vez máis pola

Infografía de pérgola e luminarias. Imaxe do BNG

incompetencia dun executivo socialista” sosteñen.

Unha actuación necesaria que vale tanto como unha pérgola prescindible

O importe desta actuación para retirar e recolocar a liña de tensión neste espazo é case o mesmo que os máis de 9000 euros que custará a pérgola metálica deseñada para o que se anuncia como un “novo parque” e que non deixa de ser, á vista dos deseños, unha praza con algunha árbore. O BNG cuestionou o custo e instalación deste elemento cando se fixo público o proxecto. De suprimirse este elemento, o retranqueo da liña de baixa tensión non xeneraría un custo adicional, mais o PP non se mollou coa proposta.

Advertisements