Polémica polo contrato dunha empresa para xestionar a lancha municipal

A embarcación municipal, Diana Cazadora

A contratación, por máis de 15 000 euros, dunha empresa para xestionar a embarcación municipal Diana Cazadora durante o vindeiro verán, ten feito acenderse unha agre polémica tanto nas rúas como nas redes sociais. Foi o BNG quen levantou a lebre ao cuestionar a privatización do servizo- que sairá polo dobre que o pasado ano, cando o goberno local contratou directamente unha patroa en nómina do Concello- e que se contratase isto en lugar de cubrir necesidades urxentes en servizos usados a diario polos betanceiros coma o cemiterio ou a escola infantil.

Esta noticia provou polémica e debate nas redes sociais sobre a conveniencia de asumir ese gasto por diante de outros, e foron moitos os que demandaban que antes se cubrise o cemiterio, actualmente sen conserxe, ou outros servizos. A noticia, ademais, coñeceuse logo dunha fin de semana na que o goberno local anunciou a contratación de dous artistas da parrilla comercial para dous concertos nas festas, sen facer pública a contía que desembolsará.

Mesmo un coñecido armador advertía que as embarcacións que pertencen a organismos públicos teñen que estar matriculados na octava lista e que a Diana Cazadora está na quinta, reservada para remolcadores, embarcacións e artefactos navais dedicados a servizos portuarios.

Desde a Corporación Municipal, só o BNG manifestou a súa opinión sobre este tema, cuestionando o custo e a privatización e sinalando outras prioridades. Nin o goberno nin os outros grupos fixeron pública opinión ningunha.

Advertisements