A ampliación da estrada DP-0905 enlazará as beirarrúas do Mandeo e do núcleo de Paderne

A DP0905 pasa pola rúa do Mandeo

A Deputación da Coruña destina 281 776 euros a un proxecto para mellorar a seguridade viaria na DP0905 de Betanzos ao límite da provincia, que consistirá na ampliación da plataforma e na execución dunha senda peonil.
O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a probación deste proxecto, incluído no Plan de sendas peonís 2017 da institución provincial, e que afectará ao tramo comprendido entre os puntos quilométricos 0+650 e 2+080, correspondentes aos termos municipais de Betanzos e Paderne.

Esta estrada, que constitúe a principal conexión entre ambos os dous concellos, ampliarase pola súa marxe esquerda, ata lograr unha calzada de 7 metros de ancho, beiravías de 0,5 metros e unha senda peonil de 2 metros, que estará separada da estrada mediante un bordo de formigón.

O novo camiño conectará as beirarrúas existentes no inicio da estrada provincial na rúa Mandeo de Betanzos, coas do núcleo de Obre, xa en Paderne, que conectan pola súa vez co centro da capital do concello. Polo tanto, a senda permitirá que os veciños da zona se despracen a pé con seguridade tanto de Betanzos a Paderne como entre as diferentes vivendas e servizos que se atopan nas inmediacións, sen necesidade de invadir a calzada.

Os traballos financiados pola Deputación terán unha duración aproximada de 6 meses e tamén inclúen a execución dun colector e unha rede de sumidoiros para facilitar a drenaxe das augas pluviais e mellorar así a seguridade da estrada en caso de choiva. Así mesmo, realizarase unha canalización subterránea para posibilitar que, nun futuro, se soterren as conducións eléctricas do alumeado.

Advertisements