A Deputación achega 60 000 euros á asesoría xurídica do Consorcio, que atendeu 670 persoas o pasado ano

O Consorcio convertirase en mancomunidade das Mariñas

Un total de 436 mulleres e 234 homes fixeron uso da asesoría xurídica do Consorcio das Mariñas o pasado ano. A deputada de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero, a nacionalista Ánxela Franco, asinou co presidente do Consorcio, José Antonio Santiso o convenio para o mantemento dun servizo para o que a Deputación da Coruña achega 60.000 €.

O 77,70 % do orzamento total de gastos do servizo de asesoría xurídica social do Consorcio das Mariñas que ascende a 77.219,52% está financiado pola Deputación da Coruña que achega con este fin un total de 60.000,00 €, como consta no convenio asinado pola responsábel da área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero, Ánxela Franco e o presidente do Consorcio das Mariñas, José Antonio Santiso.

O orzamento destínase ao pagamento dos custos salariais de dúas persoas asesoras xurídicas e unha auxiliar administrativa que atenden unha poboación de 165.000 habitantes nos nove concellos que participan do Consorcio que son Arteixo, Abegondo, Culleredo, Cambre, Oleiros, Bergondo, Sada, Carral e Betanzos.

No acto de sinatura do novo convenio, presentouse o balance do ano anterior en que o servizo de asesoría xurídica social do Consorcio das Mariñas atendeu un total de 670 persoas das que 436 son mulleres e 234 homes. As consultas recibidas foron un total de 805 das que 30 pertencen ao concello de Abegondo, 112 a Arteixo, 46 a Bergondo, 63 a Betanzos161 a Cambre, 45 a Carral, 146 a Culleredo, 132 a Oleiros e 70 a Sada.

En canto ao tema da consulta, 231 -o 28,70%- son do ámbito do dereito administrativo con cuestións relacionadas con prestacións, recursos, infraccións e débedas coas administracións, 167 -o 20,75%- refírense a área do dereito civil con asuntos como herdanzas, alugueiros ou débedas e 154 -o19,13%- correspóndense co ámbito do dereito de familia, separacións, divorcios, medidas provisionais, tutelas ou liquidacións de gananciais. As consultas complétanse con 86 -10,68%- de dereito laboral, 66 -o 8,20%- do Servizo de Mediación na Vivenda e 42 -0 5,22%- do campo do dereito penal. Das consultas, 688 foron de carácter presencial, 50 telefónicas, 13 por correo e 54 interprofesional.

“Consideramos que a asesoría xurídica social do Consorcio está a dar un servizo necesario para a poboación dos nove concellos co cal apostamos por renovar o convenio dunha iniciativa que, como vemos no balance do ano anterior, está a ter unha alta demanda, en especial, por parte das mulleres que son as súas principais usuarias co fin de resolver temas en especial de dereito administrativo, civil e de familia, ámbitos de grande importancia para as súas vidas”, sinala Ánxela Franco, a deputada responsábel da área de Benestar Social, Educación e Igualdade de Xénero da que depende a sinatura do convenio.

Advertisements