Dous anos das eleccións municipais

A Casa Consistorial

Parafraseando un refrán popular sobre a Candeloria, onte, 24 de maio, fixéronse dous anos das eleccións municipais de maio de 2015, polo que metade do mandato vai xa fóra e a outra metade aínda está por pasar. Foron 730 días que, a xulgar pola de titulares que ofreceron, deron para moito no mellor e no peor dos sentidos posibles: tránsfugas, dimisións, pactos de goberno, orzamentos e urbanismo, sentenzas,…

Cal é a situación política da nosa cidade e da comarca a día de hoxe? Pois, depende. Nos municipios máis pequenos a opacidade é a tónica. A Lei de Transparencia non logra abrirse camiño en concellos como Paderne, Oza-Cesuras, Irixoa ou Aranga, por citar algúns casos, e resulta imposible atopar nos seus webs- no caso de telos- nin sequera a información que está en período de exposición pública. Non falemos xa de sedes electrónicas!

Nos máis urbanizados, case todos a carón dunha ría que suma este verán máis praias pechadas ao baño ca nunca sen que a ningún goberno local pareza preocuparlle, a cousa foi máis movida nestes dous anos de lexislatura. Catro bastóns de mando sumou o PSOE hai dous anos, tres deles a carón da ría, dous deles en minoría e outro con maioría absoluta (Paderne). O cuarto foi o de Sobrado dos Monxes, cando o PSOE fichou a anterior candidatura do BNG apenas uns días antes de rematar o prazo para rexistrar as listas. Agora a alcaldía está en mans da única edila dunha agrupación local apoiada polo PP, que provocou a polo de agora unica moción de censura do mandato na comarca.

Betanzos e Bergondo comezaron mandato en minoría con alcaldes do PSOE. Tras ano e medio de noivado, Anova- a marca local de En Marea, que viña apoiando todas e cada unha das medidas que o goberno bergondés presentaba en pleno- entrou no goberno, reforzando o executivo socialista. Os debates foron parecidos a un lado e outro do río de Miodelo: cadanseu plan xeral fanado por non avirse o PSOE a modificalos, contas, tributos,… No caso de Betanzos o PSOE demostrouse incapaz de chegar a un pacto que garantise a estabilidade do goberno, e segue mantendo un goberno en minoría apoiado polas dúas mareas existentes na cidade, BN e BeC (resultado do cambio de partido do portavoz de CxG).

Muíño (dereita) e Sánchez Oroza (esquerda) son os dous edís de CxG na comarca

CxG perdeu  a representación na comarca despois de que o seu portavoz en Miño, Ricardo Sánchez Oroza, fora expulsado por pactar o goberno co PP, e o de Betanzos abandonou o partido. Na actualidade os 2 estan en partidos independentes, MPA e BeC na órbita de En Marea. O caso de Miño fixo correr ríos de tinta: o único edil electo de CxG era exconcelleiro do PSOE e pactou a súa investidura como alcalde cun PP que acababa de perder a maioría absoluta para arrebatarlla aos seus antigos compañeiros socialistas. CxG pasou de defender a manobra de Sánchez Oroza a retirarlle o apoio. O alcalde e os seus achegados fundan entón Miño Plataforma Aberta (MPA), que o arroupa e que se intergra na órbita de En Marea, da que chegan a actuar de apoderados electorais.

En Betanzos, se ben levaban tempo amagando- de ser Compromiso por Galicia pasaran a rotular o seu local e web e redes sociais como Compromiso Betanzos- foi perder o plebiscito interno sobre como concorrer CxG ás eleccións galegas do pasado ano o que precipitou a saída do edil obtido en maio, Alberto Muíño.

En Bergondo foi a designación dunha concelleira do PP para a candidatura ás Cortes Xerais a que fixo a Tita Sanjurjo dar o paso de abandonar o grupo do PP, que lideraba como voceira e candidata ás eleccións municipais por segunda vez, e quedar na Corporación como edila non adscrita. En Curtis os tres edís do BNG abandonaron o grupo pouco antes das eleccións galegas e pretenderon quedar como grupo, mais a lexislación obrigounos a quedar como non adscritos.

Houbo tamén dimisións. En Sada dimitiu a número dous da candidatura de Sadamaioría- a marca local de En Marea- Blanca Vázquez, por non poder compaxinar o seu traballo co Concello, segundo ela dixo. Era en setembro, apenas tres meses logo de constituírse a Corporación. Dimitiu tamén o concelleiro de Cultura, do PSOE, Marcos Vilar, por motivos de saúde, e o secretario persoal do alcalde, para ser candidato nas eleccións galegas, nas que non obtivo acta de deputado. Aínda que a foto política en Sada é a do exalcalde, Ernesto Anido (PP) entrando continuamente nos xulgados de Betanzos a causa da contratación da coordinadora. Agora anunciou que se deu de baixa como afiliado do PP pero aférrase ao posto de voceiro municipal. E dimitiu tamén, precipitadamente, a concelleira do PP betanceiro Natalia Vázquez Pita, cuxa baixa o PP tardou meses en cubrir.

Os alcaldes de Coirós, Paderne, Betanzos e Abegondo na presentación do obradoiro de emprego

Outros grupos tiveron máis estabilidade. O BNG, sen dimisións nin convulsións, comezou unha liña ascendente en todos os concellos da comarca. O PSOE, que viña mantendo o tipo electoralmente, atópase internamente fracturado a a xulgar polos resultados das primarias da pasada fin de semana, coas agrupacións moi divididas.

Ademais, a sombra da xubilación planea sobre varias Corporacións e alcaldes. Ramón García cumprirá o vindeiro mes de xuño trinta anos ininterrumpidos como integrante da Corporación betanceira. O da xubilación do alcalde betanceiro é un rumor que periodicamente aparece e desaparece de escea. Tamén se rumorea insistentemente desde hai tempo coa retirada de César Longo, alcalde de Paderne co PSOE. O que semella incombustible é Francisco Quintela, que continúa como alcalde de Coirós polo PP malia ter cumprido a idade de xubilación e gozar da súa pensión desde hai anos.

Co PP intentando recuperar maiorías, a conflitividade interna do PSOE, as convulsións e enfrontamentos entre os diferentes grupos da orbita de En Marea, e a estabilidade e subida en apoio do nacionalismo empezan a debuxar o que parece sera o panorama para as seguintes municipais. Veremos o que dan de si os próximos 2 anos.

Advertisements