A CIG denuncia que non se cubren as baixas na escola infantil malia ter lista de persoal para contratar

María Barral é a concelleira de Servizos Sociais, da que depende a escola infantil

O comité de empresa do Concello ven de solicitarlle ao goberno local que cumpra coa súa palabra e poña fin aos  problemas de persoal da Escola Infantil Municipal. Recordan que desde o pasado 19 de abril están publicadas as listaxes definitivas da bolsa de emprego de técnico/a de xardín de infancia. A pesar disto, aseguran, “o persoal da Escola Infantil Municipal segue padecendo a falta de persoal motivada pola xubilación anticipada dunha traballadora”.

“En varias ocasións o propio concelleiro de Persoal, Diego Fernández, comprometeuse a contratar persoal baixo a figura de acumulación de tarefas no momento en que as listaxes fosen definitivas” recorda a CIG, forza maioritaria do comité de empresa, nun comunicado. “Mesmo a propia concelleira de área- a socialista María Barral- comprometeuse a que esta situación se ía solucionar a comezos de maio e solicitoulle ao persoal que, mentres tanto, realizasen as horas extras necesarias” lembran.

A CIG explica que o comité de empresa demandou expresamente ao goberno que cumpra coa palabra dada dando trsalado das demandas do propio persoal do centro docente, “que leva anos con problemas deste tipo de facendo moitas horas extras para suplir as faltas nun servizo onde a carga de horas pode ser esgotadora debido ao tipo de traballo”. “Esta situación complícase cando mesmo en ocasións o persoal vese obrigado a renunciar a dereitos como días libres pedidos en tempo e forma para manter o servizo nas condicións que procede” recordan desde a Intersindical Galega.

O Comité de Empresa, a instancias da CIG, solicitoulle ao Concello que agora que a listaxe de substitucións é definitiva “cubra de inmediato todas as prazas necesarias para ofrecer o servizo en condicións óptimas, tal e como se comprometeu o goberno municipal”. Advirten ao executivo do PSOE da “gravidade desta situación e as consecuencias que poidan vir derivadas delas”, das que fan expresamente responsable ao goberno municipal xa que derivan da “decisión de non cubrir as baixas deste servizo e sobrecargar ás traballadoras que o prestan”.

Advertisements