A fin de semana abre axenda de lecer cunha velada radiofónica ao vivo

O Edificio Arquivo acolle varias mostras e teatro esta fin de semana

A axenda de lecer da fin de semana comeza esta tarde, cunha velada de radio aberta ao público con motivo da clausura do Obradoiro de radio interxeracional do Laboratorio Radiofónico. Será na aula de cultura do Edificio Arquivo a partir das oito e media do serán.

Quen prefira música e gastronomía mesturadas, o posto do mercado municipal A Artesa da Moza Crecha & Cafe Lanzos presentan “Gastrolive III – Menú Degustación New Orleans” cunha maridaxe que arrinca ás nove do serán no Café Lanzós e que ofrece un menú degustación inspirado en Nova Orleáns (custa 14 € e é preciso facer reserva previa no 616 181 328) con pratos inspirados na gastronomía cajun, criolla e africana que configuran a rica tradición do berce do jazz. A sobremesa musical correrá a cargo do Pablo Sanmamed Trio, que como non pode ser doutra maneira ofrecerá jazz aos asistentes.

Xa o sábado, a aula de cultura do Edificio Arquivo ou Liceo acolle a representación teatral da obra “Rebento se non o Conto”, de Serxio Pazos dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC. A entrada, a dous euros.

Ademais, este sábado 27 de maio ás 13:00h dará comezo o Reto 24h, organizado pola concesionaria das piscinas e o pavillón do Carregal. Ao reto de natación que xa organizaba a anterior concesionaria, suman de 21:00h a 23:00h unha masterclass de Zumba e Aerolatino e a partir das 00:00h tamén dará comezo o Reto Bike. O único requisito para a participación é a achega 1kg de alimentos non perecedeiros.

O sábado arrinca, ás 11 da mañá do Campo, a visita guiada “Oficios e tradicións”, con punto de reunión para a saída na Oficina de Turismo.Para máis información e inscricións na propia Oficina situada na Praza de Galicia 1, no teléfono 981 776 666 / 638 543 169 e no enderezo electrónico turismoARROBAbetanzos.gal e twitter: @turismoBetanzos.

Ademais, hai as seguintes opcións para ver exposicións e mostras:

  • Xornadas de portas abertas no Museo das Mariñas
    Do 1 ao 31, desenvolveranse as Xornadas de portas abertas no Museo das Mariñas en horario de 10:00 h a 13:00 h e de 16:00 h a 20:00 h de luns a venres, e os sábados de 10:30 h a 13:00 h.
  • Exposición dos debuxos participantes no VIII Concurso de carteis das Letras Galegas
    Do 2 ao 31, exposición dos debuxos participantes no VIII Concurso de carteis das Letras Galegas no edificio Liceo en horario de 10:00 h a 13:00 h e de 18:00 h a 20:30 h os días laborables e de 11:00 h a 14:00 h os sábados.
  • Exposición no edificio Liceo sobre a vida e obra de Carlos Casares
    Do 2 ao 31, exposición no edificio Liceo sobre a vida e obra de Carlos Casares da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, en horario de 10:00 h a 13:00 h e de 18:00 h a 20:30 h os días laborables e de 11:00 h a 14:00 h os sábados.
  • Exposición bibliográfica sobre a vida e obra de Carlos Casares
    Do 2 ao 31, na Biblioteca Municipal A. Castelao, terá lugar unha exposición bibliográfica sobre a vida e obra de Carlos Casares, no horario habitual da biblioteca, de luns a venres de 10:00 h a 14:00 h e de 16:00 h a 21:00 h e os sábados de 10:30 h a 13:00 h.
  • Exposición de obra gráfica titulada “Encontros comigo mesmo”
    Do 5 ao 28, terá lugar na Sala de Exposicións do edificio Liceo a exposición de obra gráfica composta de xilografías e collages do artista betanceiro José Valentín titulada “Encontros comigo mesmo” en horario de 10:00 h a 13:00 h e de 18:00 h a 20:30 h os días laborables e de 11:00 h a 14:00 h os sábados.
  • Exposición “Semana Santa de Betanzos 2017” na que se amosarán aquelas fotografías que se presenten ao concurso convocado ao efecto pola Confraría de Semana Santa de Betanzos xunto coas instantáneas da mesma temática de diversos profesionais. Do 5 ao 28, na entrada da Sala de Exposicións do edificio Liceo, en horario de 10:00 h a 13:00 h e de 18:00 h a 20:30 h os días laborables e de 11:00 h a 14:00 h os sábados.
  • Exposición de obra gráfica do artista David Calle
    Do 18 de maio ata o 30 de xuño, na Fundación CIEC desenvolverase a exposición de obra gráfica do artista David Calle (Barcelona, 1993) titulada “Lapso”. Horario de visitas, de martes a sábado de 10:00 h a 14:00 h e 17:00 h a 21:00 h.
Advertisements