O Carregal acolle esta fin de semana un campionato estatal de patinaxe

O velódromo que rodea o campo de fútbol García Irmáns acollerá esta fin de semana as probas do campionato estatal de patinaxe de velocidade, para as categorías Junior e Senior, tanto masculina como feminina. A competición está conxuntamente organizada polos clubs Sada Patín e SCD Rabadeira.

As probas comezarán o sábado pola tarde desde as 15:30 horas coas probas de Sprint 100 m, Eliminación 20.000 m e as series previas de Substitucións Americana 5.000 m, tras as cales procederase á entrega de medallas aos tres primeiros clasificados das dúas primeiras. O domingo, a partir das 10:00, continuarase con Sprint a 1 Volta, Puntos 10.000 m e as finais de Substitucións Americana 5.000 m. procedendo ao remate á cerimonia de entrega de medallas das probas disputadas durante esta segunda xornada.

No que respecta á participación galega estarán Kevin Owona, Ramiro Vena e Víctor Vena do Sada Patín na categoría Junior mentres na Senior contaremos con Adrián Suárez e David Garrido do SCD Rabadeira.

Advertisements