VB denuncia un suposto trato de favor nas contratacións do goberno municipal de Bergondo

Fafian é o portavoz de VB

A formación Veciños de Bergondo denunciou a adxudicación “a dedo” de contratos por un importe superior aos 60 000 euros anuais. O voceiro da agrupación, Manuel Fafián, asegurou que o bipartito PSOE-En Marea fracciona os contratos para “favorecer supuestamente a empresas afíns ao equipo de goberno”. Segundo VB, o goberno local tería adxudicado “a dedo” desde 2015 ata a actualidade “contratos por valor superior a 120 000 euros fraccionando as contratacións para evitar sacalas a concurso público” e deste modo poder outorgar os contratos “supostamente a persoas afíns ao equipo de goberno”.

Explica que esta afirmación a realiza tras analizar “información que novamente facilita a Secretaría Municipal por segundo ano consecutivo” e advirte que “en vista que continúan as malas praxes non descartan acudir ao xulgado para denunciar un comportamento que vulnera a Lei de Contratación das administracións públicas”.

Fafián asegura que o executivo local defende esta maneira de contratar “usando pintorescas xustificacións” e relata, a modo de exemplo, que no mantemento de alumeado eléctrico o executivo valida “facturas cada meses coa mesma empresa, que cobra mensualidades de entre 3800 e 5000 euros”. Aseguran que “a contía total anual ascende a máis de 65 000 euros, cando non se pode adxudicar un contrato por máis de 18 000 euros sen sacalo a concurso público”.

A conta xeral de 2016 de Bergondo revela a existencia, por segundo ano consecutivo, de irregularidades na contratación do servizo de mantemento de alumado eléctrico. Secretaría puxo reparos ás facturas mensuais da empresa Tecnored debido a que se incumpren os preceptos da lei de contratos do sector público ao fraccionar o contrato “coa finalidade de diminuír a contía do mesmo e eludir os requisitos de publicidade ou os relativos aos procedementos de contratación que correspondan”.

O goberno local replicou a Fafián con outro comunicado, no que asegura atopar dificultades para redactar un prego axustado ás necesidades do Concello para contratar o servizo de mantemento eléctrico, asegurando que o Concello traballa coa Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña para regularizar a situación do servizo. Asegura que o bipartito optou polos contratos menores que se reiteran, segundo Fafián, desde hai anos, “de forma provisional”.

No seu comunicado, o bipartito PSOE-Anova asegura que resulta “sorprendente” que Manuel Fafián realice estas críticas tras “xerar innumerables reparos” na súa etapa como concelleira de Obras e consideran “lamentables” as “insinuacións sobre un suposto favoritismo”. “É algo absolutamente falso e do que evidentemente non pode aportar proba algunha”, censura o bipartito, que trasladará as súas declaracións aos servizos xurídicos “polas accións legais oportunas que correspondan tomar”.

Advertisements