A Deputación financia con 80 000 euros a reparación do saneamento na Eira Vella

A praza de Enrique IV ou Eira Vella

O goberno local acaba de adxudicar as obras de mellora do saneamento na praza de Enrique IV, a tradicional Eira Vella, por 79 773 euros máis IVE. Os traballos consistirán en instalar unha nova rede separativa de augas pluviais e fecais, reformar os aliviadoiros e instalar medidas para evitar que o saneamento colapse coas mareas vivas que en ocasións rebordan o peirao e invaden a praza.

Os traballos, incluídos nun plan provincial, contemplan a reposición de todas as beirarrúas afectadas polas obras, recrecido da calzada que circunda a praza cunha nova capa de rodadura, reparación da praza interior e do peirao así como aproveitamento do mobiliario urbano existente e reposición de bancos, farolas, papeleiras e árbores existentes na praza.

O prazo para executar estes traballos, segundo o prego é de tres meses. O goberno local contratou a un arquitecto técnico particular a redación do proxecto, cando o Concello conta con dous arquitectas técnicas entre o seu cadro de persoal, incrementando o custo da actuación. O único criterio que atendeu o goberno socialista para valorar as ofertas foi o prezo, impedindo que as empresas puidesen achegar propostas de mellora aos traballos proxectados.

O proxecto ten data de 2015. As obras foron demandadas en múltiples ocasións polos veciños da praza, que mesmo recolleron sinaturas para exixir que se reparase a rede de saneamento. O executivo socialista tardou dous anos en sacar a contratación os traballos. Unha das causas aducidas en múltiples comunicados remitidos polo goberno local é a cantidade de permisos doutras administracións necesarios para obrar na Eira Vella- patrimonio, Costas, Camiño Inglés, estradas do Estado, etc. Mais outra das causas, que o goberno local non cita, é a ausencia de fondos propios para investimentos nos orzamentos municipais: practicamente todas as obras que se desenvolven no municipio son financiadas pola Deputación e, en moita menor medida, pola Xunta, incluíndo mesmo actuacións de mantemento dos espazos públicos.

Advertisements