A Inspección de Traballo volve requerir ao goberno local por deficiencias na seguridade dos edificios municipais

Diego Fernández, concelleiro de Persoal co PSOE, nun pleno

A Inspección de Traballo ven de lle facer un requerimento “inmediato” ao Concello de Betanzos por non ter aprobado e debidamente establecido un plan de emerxencias para a biblioteca municipal Alfonso Rodríguez Castelao, ubicada no antigo convento de San Domingos con importantes barreiras arquitectónicas entre os seus elementos- entre outros, arcos baixos e escaleiras. A Inspección exixe, ademais, que o plan de seguridade se desenvolva, sobre todo no relativo ao nomeamento de equipos de intervención e a realización dun simulacro de evacuación.

A advertencia da Inspección de traballo ao goberno socialista chega logo de que os delegados da CIG se visen obrigados a facer unha denuncia o pasado mes de xaneiro, logo de constatar que o goberno do PSOE non respostaba ás solicitudes do Plan de Evacuación do Concello de Betanzos. Ademais, a Inspección advirte ao goberno local que “o presente requirimento será de cumprimento inmediato, sen prexuízo do establecido no Real decreto 70/202, do 19 de xullo, debendo acreditarse as medidas adoptadas antes de xullo de 2017. Para estes efectos, solicitará cita co actuante e comparecerá, a medio dun técnico do seu servizo de prevención de riscos, achegando o libro de visistas e a documentación que estime oportuna”.

A CIG informa nun comunicado que despois de reunirse o  Comité de Seguridade e Saúde do Concello de Betanzos este mes os delegados de prevención de riscos laborais “volveron solicitar información dos plans de evacuación dos diferentes edificios municipais que non se lles facilitou, polo que decidiron solicitar o Plan de evacuación e emerxencia do edificio Liceo, incluíndo as Oficinas Xerais, a Oficina de Turismo e as dependencias onde hai programación cultural, Aula Municipal de Cultura, Salón Azul, Sala de Usos Múltiples e Sala de Exposicións”.

A Intersindical Galega lembra que ” non é a primeira vez que a Inspección de Traballo lle dá a razón aos delegados de prevención do persoal laboral”.

Advertisements