O BNG pide axudas para os colleiteiros da IXP Viño de Betanzos polos danos das xeadas

Un xarro con viño de Betanzos nunha adega

O BNG pedirá no Pleno o apoio do Concello para os produtores de viño afectados polas xeadas da última semana de abril. “Os produtores asociados á Indicación Xegráfica Protexida (IXP) Viño da Terra de Betanzos trasladáronnos que a superficie afectada polas xeadas é de 3,5 hectáreas” explica Henrique del Río, voceiro do BNG. “Tendo presente que, segundo os datos da Xunta de 2015, a IXP ten 9,75 hectáreas, estamos a falar dun terzo da produción” explica.

“Os danos varían en función da situación das parcelas e a súa orientación, que oscilarían entre algunhas parcelas indemnes e outras onde os danos van do 30 ao 100% da produción de uva” explica o edil nacionalista. A eles, indica, hai que sumar o viñedo que non está incluído no ámbito da IXP, “xa que hai produtores, adegas e cultivos fóra desta indicación, polo que a incidencia destas xeadas sería superior”.

O BNG alerta do impacto destas xeadas na economía da comarca. “Dentro da IXP, segundo os datos da Xunta de 2015, hai 14 produtores e 6 industrias, que xeneran un valor económico de 33 000 euros, pero hai que sumar o impacto sobre toda actividade económica non incluída na IXP”, explica. “A perda de ingresos que supoñen estes danos podería poñer en risco a viabilidade e supervivencia de moitas explotacións nun momento no que a IXP comeza a visibilizarse de cara ao mercado nacional e estatal” advirten desde o BNG, que alerta tamén do impacto “no movemento económico e a relevancia etnográfica e cultural das adegas do viño do país”.

“Ademais dun cultivo tan singular como o viño desta IXP, os danos das xeadas poden ter afectado a outras producións das que aínda non hai datos, coma horta ou mel” indica o voceiro do BNG. Por este motivo, temen que o impacto das perdas se traslade á economía de toda a comarca por supoñer, en moitos casos, “producións que achegaban rendas complementarias moi importantes para soster as economías domésticas, que poderían traducirse nunha redución drástica de ingresos”.

Por este motivo, o BNG pedirá no Pleno que a Corporación demande á Xunta que se sente xa coas organizacións agrarias para avaliar os danos ocasionados polas xeadas nas producións agrarias, valoralos e establecer liñas de axuda para apoiar as explotacións afectadas. A proposta do BNG é que estas axudas comprendan “tanto a compensación polas perdas da produción xa previstas para este ano, como as medidas precisas para a recuperación das plantacións afectadas que permitan a plena recuperación da produción no seguinte ciclo produtivo”.

“O viño é unha grande oportunidade de desenvolvemento local se se sabe aproveitar” explican as nacionalistas, que defenden protexer todo o chan de viñedo existente e unha zona colindante para ampliar a produción, para garantir espazo para esta actividade económica. O programa de goberno do BNG incluía, ademais, a creación dunha cooperativa vinícola para garantir emprego vinculado ao sector. A posta en valor do viño, no proxecto do BNG, pasa ademais por potenciar turisticamente todo o ciclo produtivo do viño, a fin de convertelo nun activo máis para a cidade e potenciando os seus valores culturais e etnográficos, deseñando itinerarios específicos e poñendo en valor as adegas do viño do país.

Advertisements