O TSXG desestima o recurso dos veciños de Talai contra a fábrica do vello aserradoiro

A planta está a uns metros do colexio de Atocha, na avenida de Castela

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestimou o recurso presentado por veciños de Talai contra a concesión de licenza de ampliación do aserradeiro ubicado a carón do núcleo, que xestiona actualmente Visecorsa, unha empresa “especializada en subprodutos da madeira” segundo o seu web. Os veciños da planta recurreron á Xustiza tras esgotar os recursos en vía administrativa contra a concesión de licenza de obras e actividades da firma, que reformou parte das vellas instalacións de Maderas Betanzos.

A licenza e o fallo confirman a actividade de “aserradeiro de madeiras e produción de virutas para cama de animais” a uns metros das vivendas, malia os ruídos, cheiros e emisións de fume negro e denso denunciadas polos veciños. O goberno local concedeu a licenza amparándose nas normas subsidiarias do ano 1996, que permiten nese tipo de solo uso para obradoiros artesanais e pequenas industrias familiares.

Os maxistrados do TSXG entenderon que os veciños non aportan probas abondo para contradicir os datos facilitados polo Concello de Betanzos para avalar a concesión dos permisos nin sobre os efectos da actividade. Segundo o alto tribunal, que a empresa teña como un dos seus obxectos sociais o transporte de refugallos perigosos non proba que non cumpra cos requisitos. Iso si, o TSXG advirte que a ordenanza municipal das normas subsidiarias que establece as actividades permitidas nas inmediacións das zonas residenciais- en base á cal se lle outorgou a licenza como pequena empresa familiar ou pequeno obradoiro- é bastante imprecisa.

Advertisements