O goberno local só propoñerá ao pleno aprobar inicialmente a ordenanza de transparencia

O pleno celébrase na Sala Capitular situada no primeiro andar do Pazo Municipal. 

Este serán, desde as oito e media, a Corporación Municipal celebrará a sesión ordinaria correspondente ao mes de maio. Os interesados en seguir a sesión terán que acudir á Sala Capitular do primeiro andar do Pazo Municipal porque o executivo local continúa sen emitir en directo os plenos pola emisora municipal.

O goberno local, ademais de dar conta de resolucións da Alcaldía e “asuntos varios” tan só presenta unha proposta á consideración do pleno. Buscará aprobar inicialmente a ordenanza de transparencia, que estivo exposta previamente no web municipal para recabar suxestións veciñais.

A escasa iniciativa do executivo contrasta coa cantidade de propostas que fai a oposición. O BNG propoñerá colocar unha praca conmemorativa no inmoble que acolleu a sede da Irmandade da Fala toda vez que este ano é o centenario da fundación da Irmandade brigantina, e mais apoiar ao sector do viño, que veu danarse un terzo da produción incluída na IXP Viño da Terra de Betanzos a causa das xeadas do pasado mes.

O PP presenta outras dúas mocións, sobre un plan de accesibilidade de buses interurbanos ao centro da Coruña e outra para dar un local social á asociación de veciños da Madalena. BeC (o edil electo na lista de CxG) presenta unha moción para celebrar o día da música nos colexios e BN dúas,  para prohibir o glifosato e sobre verquidos contaminantes. Completan a sesión os rogos e preguntas que a oposición formulará ao goberno.

Advertisements