O persoal municipal pide unha nova xuntanza co goberno para demandar que cumpra o comprometido

Diego Fernández é o concelleiro de persoal e economía de Betanzos

A CIG informou que os representantes do persoal laboral solicitaron unha nova reunión co concelleiro de Persoal, o socialista Diego Fernández, para demandarlle o cumprimento de varios acordos comprometidos polo executivo local e aínda pendentes. Neste sentido, explican que entre os asuntos que lle trasladarán, se ten a ben recibilos, están “discriminacións laborais do persoal laboral”.

Unha vez publicado e entrado en vigor o convenio colectivo do Concello, demandan que o goberno local convoque dunha vez a xuntanza para crear a Comisión Paritaria Mixta de Seguimento do Convenio Colectivo, que velará porque o pacto acadado entre traballadores e goberno se cumpra. A CIG informa xa no seu web da suba salarial que implica este pacto, e está por ver que o goberno local a incorpore ás contas deste ano- polo momento o Concello continúa co orzamento prorrogado de 2016, o que impide este extremo.

Ademais, demandarán que o edil informe aos representantes dos traballadores “sobre a nova RPT agora que finalizou a fase de entrevistas ao persoal” e trasladaranlle “a necesidade de resolución das axudas sociais do ano 2017, que en anos anteriores xa estaban resoltas e cobradas nesta altura”.

A Intersindical Galega informa, ademais, que os seus delegados de prevención demandaron novamente ao executivo local “os itinerarios e protocolos das revisións médicas que segundo o técnico da mutua asistente á reunión do Comité de Seguridade e Saúde deste mes de maio xa foron enviadas hai tempo ao Concello”. Denuncian que o departamento que dirixe Diego Fernández “non llas trasladou aos delegados de prevención de riscos laborais máis de sete meses despois, a pesar de existir un acordo en firme do Comité de Seguridade e Saúde”.

Cuestionan, ademais, que o goberno local leve “seis meses sen entregarlle a información das horas extraordinarias ao Comité de Empresa” e demandan ao edil de persoal que as entregue de inmediato. A CIG ten denunciado en varias ocasións que o goberno socialista forza aos operarios municipais a facer horas extraordinarias por riba dos topes legais.

 

Advertisements