O BNG denuncia no pleno que Fenosa pediu autorización para demoler a fábrica da luz

A fábrica da luz desde a avenida da Coruña

A Sociedad General Edificios y Solares, pertencente ao entramado empresarial do grupo Gas Natural Fenosa, solicitou licenza municipal para a demolición do edificio da Fábrica da Luz, da súa propiedade. A eléctrica sostén que o deterioro do inmoble e garantir a seguridade son os motivos que levan a rexistrar a petición de permiso para botar abaixo o edificio modernista proxectado por Rafael González Villar nos compases iniciais do século XX.

O edificio, a pesar da súa singularidade no deseño e da súa autoría, carece de ningún tipo de protección patrimonial. Durante as últimas lexislaturas aprobáronse moitas mocións promovidas polo BNG para catalogar este edificio e garantir a súa conservación, sen que o goberno local movese un dedo para cumprir eses acordos. Tan só a raíz dunha moción idéntica de BN o goberno local iniciou, hai non dous meses, os trámites para solicitar á Xunta a súa inclusión no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.

En 2015 por medio dunha misiva o rexedor socialista demandou á empresa que adoptase as medidas necesarias para atallar o “abandono evidente” do edificio. A eléctrica limpou a contorna da fábrica da luz, realizou melloras na pechadura perimetral e adoptou unha serie de medidas para garantir a seguridade. Agora chega, por esa mesma “seguridade” a petición de demolición.

O alcalde asegurou que tratará de evitar a demolición do edificio. Alegará, di, que iniciaron os trámites para incluílo no patrimonio industrial galego. O BNG, que onte desvelou esta solicitude e o perigo que supón para o patrimonio no pleno, asegura que a solicitude presentada polo executivo local é “incompleta” dado que a Xunta requiriu máis datos ao Concello para iniciar os trámites.

Os nacionalistas criticaron onte que o goberno local ignorase, durante anos, as súas demandas para protexer este “edificio único”. “Agora hai un perigo certo de que a empresa poida demolelo porque non está protexido”, censurou onte o nacionalista Henrique del Río.

O PSOE proxectou un bloque de pisos sobre a Fábrica da Luz

As normas subsidiarias de planeamento en vigor inclúen a fábrica da luz dentro da Unidade de Execución Integral 27 UEI-27), con ordenanzas de media densidade. Proxectan edificios de vivendas, áticos e baixos comerciais sobre a factoría modernista, que non se protexe. De feito, esta ordenación foi trasladada polo PSOE ao proxecto de Plan Xeral tumbado polo pleno en 2016. Tan só no último momento o PSOE accedeu a retirar o bloque de pisos previsto a carón da Ponte Nova para garantir a catalogación do inmoble, nun intento desesperado por obter o apoio dalgún grupo da oposición.

Sobre esta parcela, ademais, houbo un litixio xudicial. O Xulgado do Contencioso Administrativo número 3 de A Coruña impediu a urbanización prevista por Fenosa no predio da Fábrica da Luz en base a estas normas subsidiarias. En 2009 o Concello denegou permiso para desenvolver a zona, logo afectada tamén polo Plan de Ordenación do Litoral.

O PSOE asegurou onte que se a fábrica da luz non está hoxe protexida é porque a oposición votou en contra do Plan Xeral en 2016.

Advertisements