Demandan ao PSOE que explique por que nunca protexeu a fábrica da luz malia aprobar durante anos mocións nese sentido

A fábrica da luz desde a avenida da Coruña

O BNG demandou no Pleno que o goberno local informe á veciñanza dos pasos que ten pensado adoptar para garantir a conservación da Fábrica da Luz, na Ponte Nova. O voceiro nacionalista, Henrique del Río, explicou que “na última xuntanza da xunta de voceiros o alcalde informounos de que Gas Natural Fenosa ven de rexistrar solicitude de licenza de demolición” para o edificio proxectado por González Villar.

“Levamos perdida a conta da de veces que solicitamos protección patrimonial para este edificio único no país desde hai anos, sen que o goberno local iniciase ningún trámite para garantir a conservación deste inmoble” lamentou o voceiro do BNG. “ Por que motivo adiaron por anos o inicio de calquera trámite de protección deste edificio singular” interpelou ao executivo.

O nacionalista manifestou que resulta particularmente chocante que o PSOE nunca, en todos estes anos, iniciase os trámites para catalogar a Fábrica da Luz porque “os concelleiros e concelleiras do PSOE apoiaron todas as iniciativas que presentamos pedindo a protección e conservación deste inmoble modernista único”. “Tan só hai un mes e medio se dignou a rexistrar unha solicitude de declaración como patrimonio industrial, tarde, mal e a rastro”, lamenta á vista de que Patrimonio reclamou ao Concello que achegase máis documentación á solicitude e fotos enviadas.

“Agora hai un perigo certo de que a eléctrica poida botar abaixo o que queda da fábrica da luz obtendo a licenza do goberno local” advirte o edil. Por este motivo, reclamou ao goberno local que aclare se a súa actitude con respecto á Fábrica da Luz é “a preocupación pola conservación do patrimonio da que tanto se gaban”.

O BNG solicitou, ademais, toda a documentación sobre as tentativas anteriores de Fenosa por botar abaixo a fábrica para construír os edificios que as normas urbanísticas aprobadas polo PSOE en 1986 e 1996 prevén sobre esta factoría modernista. A intención do BNG era formular a pregunta no Pleno celebrado onte e forzar ao alcalde a responder ao momento sobre a estratexia do goberno local en defensa da fábrica da luz- o habitual é que o PSOE demore un mes a resposta ás preguntas. Pero o alcalde, indo en contra da Lei de Réxime Local, impediu que se celebrase a parte do Pleno destinada ao control da acción do goberno por medio das preguntas. “Unha actitude máis propia doutros tempos”, lamenta Del Río.

 

 

Advertisements