O goberno de Miño volve cambiar de criterio sobre a ORA na praia

O “triángulo” prefectamente delimitado nesta vista aérea da praia de Miño

O goberno local de Miño, estable en composición pero voluble en canto a criterios, acaba de volver a revisar as condicións da ORA na localidade. O executivo de PP e MPA pactou co PSOE cobrar o estacionamento a quen acuda á praia grande do municipio, coa intención de obter uns ingresos extra para as quebradas arcas da localidade a costa, precisamente, do seu maior activo económico. Pero agora MPA e PP pretenden deixar sen efecto o pago fraccionado na rúa Estremeiro e o espazo coñecido como “o triángulo”, fronte ao principal areal de Miño.

Esta tarifa fraccionada foi pactada polo goberno local e o PSOE   en xuño do pasado ano, pero nunca chegou a aplicarse. O alcalde, Ricardo Sánchez Oroza, prefire agora manter o cobro de catro euros por coche- 15 para autobuses- con independencia do tempo que os seus ocupantes boten na praia grande, ignorando a mantenta as recomendacións do Valedor do Pobo por considerar inxusto este cobro único que exixe pagar o mesmo a quen aparque unha hora como a quen deixe o coche todo o día.

O incremento no cobro acompáñase dunha redución da duración, xa que como o ingresado non era suficiente co pago fraccionado durante xuño e setembro, o goberno local pretende impór os catro euros por coche durante xullo e agosto, compensando a maior recadación. E impoñerá outro tramo máis de estacionamento de pago ao longo de toda a estrada da praia grande, onde si haberá pago fraccionado a 0,60 euros a hora.

Así, convivirán o pago de catro euros por coche na rúa Estremeiro e no “triángulo” co pago por fracción na estrada da praia, aínda que botar a tarde na praia- de 16 a 20 h- custará practicamente o mesmo en calquera dos dous lugares, case o dobre de engadir xornada matinal (de 10 a 14h).

Sánchez Oroza e o PP non aclaran a que se debe o cambio de criterio e por que decidiron renunciar ao pago fraccionado en Estremeiro e o “triángulo” tras defender en 2016 a necesidade de velar pola “proporcionalidade entre o uso consumido e o tempo pago”. A intención é que o Concello asuma directamente o control, con dous axentes de policía que dedicarán 9 e 3 horas ao servizo respectivamente, acompañados de cinco controladores con contrato laboral temporal.

Segundo os informes da proposta, o goberno local conta con non sacar ingresos deste negocio. No “triángulo” e Estremeiro contan con ter 549 prazas cun custo de 31 735 euros entre persoal e material, contando cuns ingresos de 24 958 euros. Na estrada, pola súa banda, contan con ter 449 prazas con 40 368 euros de custos e unha recadación potencial de 36 739 euros.

 

A modificación da ordenanza deberá aprobarse xa en pleno para que entre en vigor a partir do 1 de xullo. A normativa aprobada en xuño de 2016 que recollía os pagos fraccionados non chegou a aplicarse porque o goberno local retivo a norma sen publicala ata outubro, amosando que realmente non tiña vontade de cobrar de xeito fraccionado nin de atender as indicacións do Valedor do Pobo.

Advertisements