O Consorcio, sen o PP e coa Coruña, quere convertir en urbanos os buses da área

Un autobús cara a zona escolar, por diante do parque Pablo Iglesias

Os concellos do Consorcio  das Mariñas que non goberna o PP e mais o da Coruña lanzaron o martes a súa proposta de crear un novo consorcio comarcal, neste caso para xestionar o transporte nos municipios da Coruña, Arteixo, Betanzos, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada. Deste anuncio, o alcalde de Betanzos evitou dicir nada no pleno que ese mesmo día celebrou a Corporación municipal e no que, precisamente, se volveu debatir do transporte na área metropolitana, como pode comprobarse no audio do pleno.

Á Xunta non gustou este anuncio. O director xeral de Mobilidade, Ignacio Mestre, emprazou aos alcaldes a facer a proposta  no seo da comisión de seguimiento do Plan de Transporte Metropolitano da Coruña por ser “o foro onde deberían discutirse as propostas”. O responsable autonómico de Mobilidade rexeitou un plan específico de transporte para os sete municipios que o reclaman porque “é moi difícil poñer unha liña que diga ata onde chega”.

A Xunta, porén, prosegue coa súa intención de suprimir liñas de transporte. Os anteproxectos  publicados pola Dirección Xeral de Mobilidade sobre os contratos deste servizos nas liñas A Coruña-Lugo-A Mariña, Betanzos-Monfero e Sobrado-Vila de Cruces amosan a pretensión do executivo do PP por suprimir liñas, servizos e frecuencias acumulando nun único servizo a conexión dos núcleos de poboación co tansporte escolar, cunhas necesidades en canto a horarios e servizos complementarios específicas.

Segundo o goberno galego, esta redución de servizos é necesaria por ter estas liñas “un número elevado de núcleos de poboación que dificultan a implantación dun sistema de transporte eficiente”. Así, na ruta A Coruña-Lugo-A Mariña, que comunica 39concellos, pola amplitude de movementos de poboación entre concellos a Xunta exclúe acumular a ruta co transporte escolar. Ofértanse de forma conxunta dez rutas e se estipula en 1,3 millóns o custo do servizo.

Si que acumula o transporte de viaxeiros e o escolar a ruta que se publica para unir Betanzos e Monfero a través de sete concellos. Prevense enlaces de Betanzos con Casal de Arriba (pasando por Paderne, Miño, Vilarmaior e Monfero) e A Viña (Paderne, Miño, Vilarmaior e Irixoa). Serían rutas convencionais as que conflúan nestes puntos, pero si acumulan transporte de viaxeiros e escolar a que comunique  A Viña coa Aira Vella (Irixoa e Monfero), A Esperela (Irixoa e Paderne), O Bullo (Irixoa, Monfero e Coirós), A Maceira (Irixoa e Monfero) e Casanova (Irixoa e Monfero). O contrato, con oito rutas, ten un custo de 274 970 euros.

No interior da comarca a Xunta pretende sacar a concurso outra liña, que comunique Sobrado dos Monxes cara Boimorto. Son cinco concellos os atravesados por esta liña mixta de transporte escolar e de pasaxeiros que terá unha parada no colexio por 267 913 euros.

Ata o de agora as empresas concesionarias das liñas de autobús recibían os contratos do transporte escolar para compensar as liñas sen beneficio económico das concesións de pasaxeiros. Con esta medida, o goberno de Núñez Feijóo precariza ambos servizos públicos en prol dos intereses das concesionarias.

Advertisements